DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pedro Nimo e Marta Fernández fanse coa vitoria nos "10km Cidade Universitaria", nunha edición marcada pola alta participación

A fin de semana saldouse tamén con vitorias para os equipos de xadrez, rugby e baloncesto

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 23/03/2009

Cun alto índice de participación que acadou case os 500 atletas, a carreira 10 km Cidade Universitaria deparou a vitoria para Pedro Nimo e para Marta Fernández. Cunha marca de 00:30:14, Nimo bateu o récord acadado na edición do 2008 por Elías Domínguez e impúxose na clasificación xeral confirmando o seu bo estado de forma que o fixo soar como gran favorito nos días previos á celebración da proba. Por detrás del , Daniel Bargiela foi segundo cun tempo de 00:31:12 e Óscar Piñeiro foi terceiro cunha marca de 00:31:48. En categoría feminina Marta Fernández , do Comesaña SC fíxose co primeiro posto grazas aos seus 00:34:38, por diante da atleta portuguesa afincada en Cangas Solagne Andreia Pereira con 00:36:30 e de Raquel Suárez que rematou cun tempo de 00:39:26.
A carreira estivo marcada dende o principio polo dominio do compostelán Pedro Nimo e desenvolveuse dun xeito rápido, grazas ao esforzo dos arredor de 500 participantes de todas as categorías e idades. En xeral, todos eles salientaron a mellora do circuíto en relación a anos anteriores, que se planificou en tres voltas nun terreo case chan e que para moitos deles é un preámbulo da maratón Vig-Bay que o vindeiro domingo disputarán preto de 300 corredores.
Ademais dos gañadores e primeiros clasificados, o Servizo de Deportes da Universidade outorgou cinco mencións especiais para recoñecer o esforzo de todos os atletas e o alto índice de participación que aumenta edición tras edición. Deste xeito, entregáronse como homenaxe distincións aos que quedaron nos postos 100, 200, 300, 400 e 500. Ademais, a organización programou unha serie de actividades paralelas para o público como actuacións de humor, sorteos ou porras.

Vitoria in extremis do Ednon TRC

O Universidade de Vigo Ednon TRC continúa o seu camiño para finalizar a competición no segundo posto despois de imporse, non sen esforzo, este domingo ao BUC Barcelona. Os universitarios gañaron por 26-13, 13-10 no descanso, aínda que o xogo deixou moito que desexar, con moitas imprecisións na dianteira que permitiron que os cataláns se impuxeran en moitas fases do xogo aberto. A vitoria chegou nos últimos minutos co acerto nos lanzamentos a paus de Mauro Álvarez e un espectacular ensaio tras intervención de toda a liña de tres curtos.
A pesar da vitoria, os vigueses non puideron acadar o bonus, algo que si fixo o Hernani a pesar de perder na casa fronte ao Gernika. Deste xeito, o equipo universitario de rugby queda a dous puntos dos vascos a falta dunha xornada pero co inconveniente de que no vindeiro partido mediranse ao líder invicto, o Gernika. Mentres, o Hernani xogará en Avilés fronte ao último clasificado, o Belenos, polo que para pasar por riba dos Hernani e rematar no segundo posto, o Ednon TRC debería gañar e eles perder sen bonus.

O equipo de xadrez mantén o primeiro posto

A falta dunha soa xornada para o remate da liga regular, o Universidade de Vigo de xadrez continúa ao fronte da clasificación despois de imporse ao Círculo Ferrolán A por 3.5 a 2.5 nun encontro moi apertado. Os ferroláns viñan de dar a sorpresa empatando co Marcote na pasada fin de semana e a piques estiveron de facer o mesmo en Vigo. Este resultado non permitiu asegurar matematicamente o primeiro posto da Fase Regular da Liga Galega pero mantense a vantaxe dun punto sobre o segundo e o terceiro da xeral. Os universitarios rematarán a competición na casa ante un dos equipos da parte baixa da táboa, o Arteixo A, que xa ten case asegurada a permanencia. Para ser campións, os vigueses precisan sumar cinco puntos en Arteixo, sen ben, tamén lles valería para rematar primeiros con sumar un punto menos que Marcote e Alexandre Bóveda, que xogan entre eles.
O equipo escolar, pola súa banda, sumou a segunda derrota consecutiva ante o Xadrez Bueu A por 1 a 3. Este resultado deixa aos rapaces sen opcións de disputarlle o primeiro posto ao líder, o Xadrez Ourense, que se amosa intratable, e vese relegado ao terceiro posto por detrás do Karpov Amateur co que loita polo subcampionato. A vindeira xornada, o Universidade de Vigo-Xadrez Galego tentará retomar a senda do triunfo ante o Breogán A do Grove.

Vitoria tamén no baloncesto

Despois da derrota do xoves ante o Narón, o Universidade de Vigo volveu onte domingo á senda da vitoria tras imporse ao CB Arteixo por 86-71. Deste xeito os rapaces adestrados por Cristina Alonso quedan no sexto posto da clasificación a cinco puntos do líder, o Mos Noriberica con 44 puntos. A vindeira fin de semana, os universitarios mediranse como visitantes ao Centro Óptico Xove, décimo na táboa con 35 puntos.