DUVI

Diario da Universidade de Vigo

“A versión en galego é máis suave”, afirmou o director do filme na Casa das Campás

Pedro Rivero e Siro López presentaron “A Crise Carnívora”, a primeira longametraxe realizada en animación flash para a gran pantalla

A obra é unha fábula animal que en forma de comedia bota unha ollada aceda aos pactos de convivencia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 16/05/2008

Ante un auditorio repleto, o director Pedro Rivero e o encargado da versión en galego, Siro López, presentaron o estreo da súa última obra, a primeira longametraxe realizada integramente en animación flash para a gran pantalla: A Crise Carnívora. Na sala de conferencias da sede da Vicerreitoría do campus respirábase un ambiente distendido e de risas tras ver a proxección da película, unha fábula animal que en forma de comedia bota unha ollada aceda aos pactos de convivencia que imperan na sociedade actual.
Segundo explicou o responsable da adaptación á lingua galega e recoñecido caricaturista, Siro López, a idea de facer este proxecto xurdiu a raíz dun cómic que finalmente a compañía Nikodemo Animation animouse a levar a cabo e “aínda que nunha primeira ollada poida parecer un simple filme adornado con moitas palabras mal soantes, é preciso afondar nela para poder entender todos os valores e as mensaxes que ten por descubrir”, subliñou na presentación da longametraxe.
A Crise Carnívora, que xa ten trece copias distribuídas por toda Galicia, estrearase en tres cines de Vigo, ademais de outras cidades da provincia como Vilagarcía de Arousa.

A versión en galego, máis suave

Logo de realizar toda a produción da longametraxe en castelán, decidiuse facer unha versión en lingua galega que, segundo apuntou o director no seu estreo, “non se trata dunha tradución, senón que é unha adaptación do guión ao galego, por iso o resultado é diferente, é máis suave, seguramente polas propias características da lingua”, subliñou Pedro Rivero. “A versión orixinal é moi ruda, moi española, moi mal falada, sen embargo esta tende a suavizar os termos”, engadiu o responsable da obra.
Por outra banda, o director animou aos asistentes a non deixarse levar pola inicial aparencia da película e polas críticas que xa se teñen feito nos diferentes medios de comunicación “para poder facer unha propia interpretación do argumento”, apuntou Rivero.

A técnica de animación flash, un novo descubrimento para a gran pantalla

A técnica que se empregou para a realización de A Crise Carnívora, a animación flash, é un programa que nace principalmente para o deseño de páxinas web pero que, co tempo, a xente aproveitou para facer animacións cada vez máis complexas. “A verdade é que é un software moi dócil que che da todo o que lle esixas”, afirmou Rivero, ao que engadiu que “a nosa meta era acadar a aparencia dunha película de animación tradicional”.
A principal diferenza entre este novo sistema e o empregado normalmente é que no flash despézanse todos os elementos que se van a animar, de xeito que ao final tes unha biblioteca de ollos, de bocas, de narices, etc que se poden combinar entre si, sen ter que debuxalas de novo para cada plano. “Isto supón un gran traballo de produción pero a partir de aí pódese traballar cun equipo menor e dun xeito moito máis controlado, o que leva a unha considerable redución de custes”, concluiu Pedro Rivero.