DUVI

Diario da Universidade de Vigo

150.000 euros, investimento preciso para facelo axeitadamente

As pemes buscan na internacionalización a saída á crise

O conselleiro de Educación clausura o XII Seminario Hispano-Luso de Economía Empresarial

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 26/11/2010
“Na situación de crise actual se unha peme quere medrar debe internacionalizarse, porque o mercado interno esta retraído e non hai capital”. Juan Atrio, de DTEArea5 Consultores, presentaba así o panorama ao que se enfrontan as pequenas e medianas empresas galegas ante a situación económica actual. Como exemplo deste modelo, a empresa ourensá T-Solar, que en maio deste ano decidiu enfrontar a crise redeseñando a súa estratexia comercial e enfocándoa cara o mercado estranxeiro.

O reto da internacionalización e o emprendemento foron dous dos eixos da segunda e última sesión do XII Seminario Hispano-Luso de Economía Empresarial. O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, clausurou a xornada destacando a importancia da colaboración galego-portuguesa, xa que “España e Portugal atópanse en Ourense” e como tal punto de encontro “sempre estamos atentos e dispostos a colaborar nos diferentes ámbitos económicos e sociais”.

Un exemplo ourensán, T-Solar

Marta Sanz, da empresa T-Solar, situada no Parque Científico-Tecnolóxico de Ourense, presentou no seminario o caso representativo da súa empresa en internacionalización. “Pensábase que a crise non ía afectar ás solares e de feito librámonos ata maio de 2010, cando caeu o marco normativo e si nos vemos afectados”, explicou. T-Solar valoraba entón saír a bolsa pero tivo que aprazalo á espera de que se aprobase unha nova regulación que dese seguridade aos inversores.

Nesta situación, a responsable de recursos humanos de T-Solar destaca dúas das decisión tomadas: reorientar as vendas ao mercado estranxeiro e facer cambios na produción. “Como non hai mal que por ben non veña, cando a partir de maio tivemos que diminuír a actividade produtiva puidemos aumentar o tempo dedicado a investigación, que xeralmente precisa de moitas horas da liña de produción”, salientou. Un reenfoque que trouxo consigo efectos moi positivos para a empresa en I+D. Con unha nova regulación no sector, Sanz explica que agora “as expectativas son boas” e destaca o papel fundamental do compromiso dos traballadores para cumprir esas expectativas.

Mirarse no espello antes de expandirse

Desde o punto de vista estratéxico, e grazas á súa experiencia en consultaría para pemes que afrontan o proceso de internacionalización, Juan Atrio salienta que antes de saír ao exterior, coma no caso de T-Solar, “as pemes deben mirarse no espello e preguntarse se teñen as capacidades e recursos necesarios para facelo e pensar estratexicamente”.Atrio estima en 150.000 euros o orzamento necesario para que unha peme se internacionalice. Pero para que este investimento teña éxito, insiste na importancia de estudar moi ben os mercados a onde se acude e analizar axeitadamente que se vai vender e como, a través de que vías.

Para completar esta visión de como afrontar a crise, Aníbal Blanco, de Aníbal Blanco Logistic, fai fincapé na importancia de emprender, un proceso “duro pero gratificante” no que, apunta, é fundamental establecer unha rede de contactos produtiva e estar nos centros de información, como clústers, universidades, plataformas tecnolóxicas e similares.

A próxima edición deste Seminario Hispano-Luso de Economía Empresarial celebrarase na Universidade de Évora (Portugal),segundo anunciou no acto de clausura Alfonso Vargas, presidente do Círculo Ibérico de Economía Empresarial (CIBECEM).