DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Rosa García abre o Ciclo de conferencias sobre sustentabilidade e enerxía

Pensar en verde, requisito imprescindible para triunfar en Europa

A directiva de Alcoa afondou nun mercado marcado por políticas medioambientais e a demanda de produt

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 15/11/2010
As políticas medioambientais pasaron de ser unha obriga a unha boa estratexa de márketing. Europa pasou de ter un modelo centrado nas emisións de CO2 a buscar un consumidor informado que demanda un produto ecolóxico e respetuoso co medio ambiente. É neste esceario cambiante e lexislado ata o mínimo resquicio no que Rosa García, directora de sustentabilidade para Europa de Alcoa, asegura que as empresas deben valorar os riscos e "crear as oportunidades". O contexto: o primeiro relatorio do Ciclo de conferencias sobre sustentabilidade e enerxía organizado polo Grupo Rede coa colaboración de Economics for Energy e co que a Universidade de Vigo "quere colaborar con institucións que traballen en clave de país polo desenvolvemento da investigación e do espazo de coñecemento", recordou Xosé Manuel García, vicerreitor de Economía e Planificación. Unha "conferencia de nivel cunha directiva dunha multinacional que está informada de primeira man da normativa en política medioambiental que pode dar unha perspectiva actual" do panorama, como explicou Xavier Labandeira, catedrático de Economía, responsable do Grupo Rede e da entidade Economics for energy.

Integrando as políticas enerxéticas sostibles cos negocios, Alcoa é un bo exemplo de que preocuparse polo planeta non está rifado cuns números de vertixe: só en España a empresa ten 3500 empregados e factura máis de 1300 millóns de euros. O produto co que traballan, o aluminio, é un dos máis afectados pola normativa europea de sustentabilidade, que está desenvolvendo uns requisitos mínimos para 2011 que sirvan de barreira de entrada dos items estranxeiros e que inclúe o etiquetado enerxético máis aló dos electrodomésticos: será susceptible de ter adhesivo clasificatorio calquera produto que poida incidir no consumo enerxético, como poden ser as fiestras. Unhas medidas que afectan de xeito directo á construcción e á automoción, dous dos principais sectores cos que traballa a empresa de Rosa García. O motivo? Para Europa os edificios son os responsables do 40% do consumo enerxético e o transporte de outro 20%. "Os materiais teñen que estar deseñados para poder ser desmantelados e reciclados ao final da súa vida útil. Iso cobrará moita importancia nun futuro próximo, onde para acceder a obras das administracións públicas un dos requisitos que dará puntos será a reciclabilidade", apunta García.

Os riscos da sustentabilidade

No transporte non existe unha regulación tan estricta, pero "a presión do consumidor trae novas oportunidades". As políticas verdes van modificar a contorna competitiva europea con produtos máis ecolóxicos e clientes máis informados, aínda que como di un estudo feito en Suiza "o consumidor sostible non existe, cada empresa ten que crear o seu". En ocasións iso implica que se poidan empregar datos parciais e enganosos para destacar un produto por riba doutro. "Hai quen usa só datos do proceso de producción para destacar o que está a vender. Se dera información real do ciclo de vida da mercadoría probablemente sairía perdendo", sentencia a directiva de Alcoa.

Outro dos riscos que corren as empresas europeas neste contexto ecolóxico son as limitacións técnicas. Un exemplo claro é o do aluminio. "É un dos materiais máis reciclables do planeta, porque no proceso apenas se perde un 1% do produto. Sen embargo, non hai aluminio reciclado para todos: co que se recupera só chegaría para cubrir o 40% da demanda", explica. En España, o problema ben ademais dado por ter un mix de enerxía non competitivo. "Ao igual que Italia, non podemos enfrentarnos con mercados como o nórdico ou o de Francia, onde a enerxía é nuclear e ten unha pegada de carbono cero", asegura pesarosa. Agora só queda esperar o efecto contaxioso e que países como Estados Unidos poñan en marcha iniciativas medioambientais e económicas similares.

Anil Markandya, o vindeiro poñente

O ciclo de relatorios só acaba de comezar. A vindeira cita será o 13 de decembro con outro conferenciante de altura: Anil Markandya, un dos pais da economía ambiental moderna e un dos integrantes máis coñecidos do Panel Intergubernamental sobre Cambio Climático, IPCC. Chega xusto despois do Cumio de Cancún, co que fará unha boa fotografía das decisións que alí se tomaron.