DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A penúltima Ruta Cultural dos curso levará aos participantes a coñecer Montederramo

Visitarán o bidueiral, o mosteiro de Santa María e a serra de San Mamede

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 24/04/2009

As Rutas Culturais van chegando ao seu remate. A desta fin de semana será a penúltima andaina do programa e a máis dura de todas as que se realizaron ata agora, aínda que tras nove camiñadas os participantes posúen bo fondo e o adestramento preciso para levar a cabo con éxito esta nova aventura. Nesta ocasión, o percorrido, de carácter circular, terá como espazo protagonista Montederramo e poderá realizarse a pé ou en bicicleta debido a que a andaina coincide coa II Ciclo-Ruta do Santo. “Aqueles que fagan o percorrido andando tardarán sete horas e os que o realicen en bicicleta sobre catro aproximadamente”, indicou José García-Calvo, coordinador das rutas.
Un total de 75 participantes sairán ás 10.30 horas dende Montederramo e ao longo de 29 quilómetros, o percorrido máis longo de todo o programa, pasarán por San Mamede, o Bidueiral de Montederramo e, se aínda teñen forzas, o mosteiro da vila. Tal e como comenta García-Calvo, “nesta ocasión descendeu o número de inscritos de Ourense, porque xa deben coñecer a dificultade do camiño”.
Debido ao longo da andaina e a súa elevada dificultade, “xa que hai que ascender dende 900 a 1600 metros”, está previsto que os participantes que o desexen poidan acurtar o percorrido a 14 ou 21 quilómetros. No camiño poderán gozar de magníficas panorámicas, “espazos amplos, paisaxe agreste, monte baixo” e, como non, da sombra do Bidueiral de Montederramo, espazo natural protexido como Lugar de Importancia Comunitaria, que ademais das 250 hectáreas de bidos engloba outras 1980 da serra de San Mamede. Para rematar, os que queiran poderán visitar o mosteiro de Santa María de Montederramo que data do século X.
Esta ruta, de carácter especial, traerá consigo dúas sorpresa máis antes de rematar a xornada. Por unha banda, os participantes non terán que levar a súa comida, xa que a organización da II Ciclo-Ruta do Santo encargarase de repartir suculentos manxares; e por outro lado, recibirán como agasallo unha camiseta conmemorativa do evento.

A ruta da despedida

Lugo é o lugar elixido para realizar o último percorrido das Rutas Culturais deste curso que terá lugar o 9 de maio. Os aventureiros viaxarán ata a Cruz de Incio de onde partirán, visitando na súa ruta o Hospital, o Incio e a Ferreira. A andaina de 18 quilómetros permitirá coñecer esta magnífica paraxe e a súa dificultade está cualificada como media. Tras esta ruta aos participantes só lles quedará por compartir a fin de semana no cámping de Allariz, sempre e cando realizasen as seis rutas como mínimo para recibir este premio.