DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A décima andaina do Servizo de Deportes terá lugar o sábado 20 de abril

A penúltima ruta cultural percorrerá a beira do Miño por Cortegada

O itinerario destaca pola súa extraordinaria beleza natural

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 16/04/2013

O curso académico está a piques de entrar na súa recta final e o mesmo lle acontece ás diferentes actividades que se desenvolven ao longo do ano. Deste xeito, o Servizo de Deportes da Universidade de Vigo celebrarán o vindeiro sábado, 20 de abril, a súa penúltima ruta cultural. Preto de 90 persoas terán a oportunidade de coñecer as terras de Cortegada e camiñar pola beira do Miño ao seu paso por esta zona de especial riqueza natural e paisaxística.

O itinerario, de dificultade media e 17 quilómetros de distancia, percorrerá Cortegada, A Barca, As Amarelas, O Vao, A Eirexa, A Pereira, Casares da Virxe, A Decolada e A Ponte Trado. “Dez deste quilómetros serán bordeando o Río Miño e contemplando a extraordinaria beleza deste enclave natural”, subliña José García-Calvo, Willy, coordinador das rutas culturais. Ademais deste aliciente paisaxístico, García-Calvo destaca a oportunidade que ofrecerá esta andaina de ver durante o traxecto o que era o antigo balneario de Cortegada, hoxe á espera de ser rehabilitado. Cunha meteoroloxía que apunta a que o sábado continuará o bo tempo, os organizadores agardan que sexa unha excursión especialmente bonita para os participantes.

Como en anteriores ocasións, poden inscribirse nesta actividade deportiva e cultural persoas da comunidade universitaria e de fóra dela, cun custe de dez euros para o primeiro colectivo e de 15 para o segundo. As saídas serán pola mañá cedo dende Ourense na cafetaría Bekas, ao lado do campus; en Pontevedra nas proximidades do Cafetín da Alameda; e en Vigo na antiga Reitoría da rúa do Areal, estando previsto o regreso a media tarde. Os inscritos deberán levar a súa propia comida e o equipo aconsellable para este tipo de actividades de deporte ao aire libre.

Para apuntar en axenda

Mentres esta cita chega, José García-Calvo adianta tamén que desde o Servizo de Deportes están ultimando a celebración o vindeiro 4 de maio da primeira andaina conxunta do persoal docente, investigador e de Administración e Servizos das tres universidades galegas. “Percorreremos o primeiro tramo do Camiño Xacobeo entre Santiago de Compostela e Fisterra e será unha andaina moi especial porque nos permitirá confraternizar con persoal doutras universidades galegas”, anticipa o coordinador do roteiros.