DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A alemá Anne Bernning expón parte da súa obra na Sala X da Facultade de Belas Artes

Unha pequena trampa visual para o ollo humano

É a primeira artista estranxeira en expor neste espazo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Iolanda Fernández DUVI 20/05/2013

O visitante non pode afastar a súa mirada desta obra e queda abraiado co seu realismo e dimensións. ArtBooks é unha simulación dos lombos de 16 libros de gran tamaño que centra o interese do espectador nunha sala onde predomina a cor branca. En cada un destes lombos é posible atopar alusións directas a movementos ou correntes pictóricas e mesmo aos propios autores ou autoras dos libros en cuestión. A través da técnica pictórica trampantojo, a artista Anne Berning intenta enganar ao espectador xogando coa contorna, a perspectiva, o sombreado e outros efectos ópticos, e faino na exposición Crónica del Pou-Pourri, da que a obra Artbooks é unha boa mostra.

Diferenciar un obxecto real dunha copia pode resultar ás veces difícil. É por iso que a autora alemá, amósalle ao espectador, a través de La Selección, outra das obras expostas, tanto os exemplares en formato papel dos libros que ela copiou e pintou sobre lenzo a gran tamaño coma as súas portadas. O mundo da pintura e a estereotipada clasificación que os libros e catálogos fan del son obxecto de estudo nesta obra da profesora e catedrática da Universidade de Mainz que estes días expón unha escolma da súa produción artística máis recente na Sala X da Facultade de Belas Artes.

Os medios de comunicación, centro de estudo

Nos últimos anos Berning intensificou unha liña de traballo iniciada xa en 2005 na que combina a pintura cunha ampla variedade de métodos de impresión. Deste xeito, a artista alemá deixa a un lado as súas análises arredor a historia da arte e amplía o seu repertorio centrándose nos medios de comunicación. Esta mostra da Sala X complétase con outras dúas obras máis sobre tea que dan continuidade a Artbooks. Deste xeito, a artista selecciona fragmentos dos mass media, trátaos dixitalmente e imprímeos en papel. Logo disto, confróntaos con pinturas abstractas e cargadas de cor. O resultado é un conglomerado de motivos representativos e abstractos que se poderá visitar ata o vindeiro mércores 5 de xuño.

O traballo desta artista provoca innumerables reaccións e incluso ambigüidades no propio proceso perceptivo. Para Berning o seu traballo artístico presenta fracturas e formula preguntas facilitando a creación dun espazo para a reflexión. Así, a súa produción convértese nunha especie de esqueleto no que o exercicio pictórico é considerado como un complexo proceso de cooperación e participación que se pode analizar na mostra Crónica del Pou-Pourri.

Primeira exposición individual

A colaboración entre a Universidade de Vigo e a universidade alemá de Mainz foi clave para conseguir que a obra de Anne Berning puidese chegar ata a Facultade de Belas Artes, asegura a coordinadora da Sala X, Mar Caldas. “É a primeira exposición individual dunha artista estranxeira nesta sala e tamén unha oportunidade única para gozar dunha parte da súa obra máis recente en Galicia”, asegura. Ata o de agora, este espazo expositivo estaba aberto, case en exclusividade, ao estudantado e profesorado da Universidade pero “agora é o momento de chegar a novos públicos ofrecéndolles tamén a posibilidade de coñecer o traballo de artistas de fóra do noso país como pode ser o caso dunha artista mundialmente coñecida como é Berning” salienta Caldas.