DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Óscar de la Visitación, director de arte:

"De pequenas indumentarias que ves pola rúa poden saír grandes proxectos"

Estilista de Rosa Clará e Lidia Delgado, clausurou os Xoves de Moda

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 28/05/2010

O director de arte e estilista Óscar de la Visitación, licenciado en Belas Artes no País Vasco e titulado en Deseño pola escola Saint Martins de Londres, foi o encargado de clausurar onte o ciclo Os Xoves de Moda. Cunha ampla traxectoria en marcas como Nina Ricci e Moschino e ao carón de fotógrafos como Manuel Outumuro, Daniel Riera ou Tony Bernat, explicoulle aos asistentes a súa visión do traballo en moda a través das súas imaxes máis emblemáticas, cun discurso apto tanto para directores de arte, como deseñadores, estilistas ou creadores en xeral. Sinalou que para el o máis importante é “cultivar a observación, estar atento e tomar referencias de todo aquilo que axude a pensar, desde a arte ao cinema”.
De la Visitación confesa que as súas principais fontes de inspiración son a pintura, a sétima arte e “a xente que amosa unha actitude particular e elegante ante a vida, entendendo por elegantes aquelas persoas que son honestas consigo mesmas”. Afirma que se fixa moito na xente que ve pola rúa, “porque de pequenas indumentarias poden saír grandes proxectos”.
Traballa como freelance para diferentes clientes, o que considera “un luxo” porque lle permite facer cousas diferentes. Durante nove anos foi estilista e director de arte da revista Marie Claire e agora éo de Woman. “Isto significa facer seis reportaxes por tempada, que son como seis pequenas historias que me permiten transmitir a miñas ideas”, relata. Ademais, actualmente realiza a dirección artística das coleccións de Rosa Clará e Lidia Delgado. Da primeira di que “é como volver aos inicios da moda” e da segunda destaca “o seu coidado polo detalle e as pequenas pezas”. No ámbito docente, desenvolve seminarios na Universidade Ramón Llul e na Escola Felicidad Duce, a primeira escola de deseño e moda de España. Sinala que no futuro lle gustaría ter algunha experiencia no cinema. “Véxoo como o summun do que a min me interesa, pola confluencia de dirección de fotografía e arte, en definitiva, pola confluencia de disciplinas”.

Pequenas illas fronte ao criterio comercial imperante

Óscar de la Visitación considera que nos últimos anos se produciu un gran cambio no mundo da moda. “Antes era máis favorable á creación, mentres que hoxe prima o criterio comercial”, mantén. Así e todo, considera que algúns talleres de confección conseguen escapar desta tendencia. “Son pequenas illas, que producen grandes revolucións como Pierre Cardin ou Balenciaga”, di ao respecto.
Asegura que as antigas casas de costura si están apostando e apoiando aos novos deseñadores e cre que neste sentido a moda conserva a súa vocación creativa. Do demais sinala que son marcas que se dedican a rastrexar o que impera na rúa para analizar o que quere a xente e aumentar así o seu índice de vendas.

Coñecer ben o pasado para facer algo novo

O principal consello que lles dá aos máis novos é traballar e crer no que se fai. “Todo é resultado dun esforzo e dun traballo. Máis no contexto actual, no que hai tanta xente facendo cousas boas e tanta outra facendo cousas moi malas que se dan por boas”, opina. Ante a competitividade propón ir gañando un espazo propio pouco a pouco. Ao mesmo tempo, sabe que hai que facer concesións e estar ao día. “A ninguén lle van dar un cheque en branco para que faga o que queira e hai que ser polivalentes”, comenta. Para isto aconsella estar moi atento a todo o que sucede no contexto social e, sobre todo, coñecer moi ben o pasado, un referente cara ao que sempre mirou a moda, para transformalo e facer algo novo. Insiste: “hai que ir máis alá do Twitter, o Tuenti ou o Facebook para saber que se Christian Lacroix usa determinadas cores é porque existiu previamente un Van Gogh”.