DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Poderase visitar ata o 3 de xuño no Edificio Axe de Porto

A percepción do paso do tempo a través de distintos soportes artísticos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Iolanda Fernández DUVI 29/04/2013

Reflexionar sobre o paso do tempo é o obxectivo da exposición “Vaga” do proxecto Primeira Avenida que se presentou este venres en Porto e na que participan tres ex alumnos da Universidade de Vigo. Xunto a outros novos artistas, Antía Cea García, Cillas Seyde e José Navas Aranda, convidan ao público a reflexionar sobre o xeito no que o tempo delimita a vida diaria das persoas. Tanto é así que, a través das súas obras, é posible decatarse de que a sociedade actual está inmersa unha experiencia temporal cronolóxica fragmentada. No caso da imaxe é posible deter esa percepción e tomar conciencia doutro xeito de vivir o tempo.

Para Antía Cea García participar nesta mostra supón “unha oportunidade única e un orgullo ao poder compartir espazo, o Edificio Axe, con artistas españois, portugueses e doutras moitas nacionalidades xa consagrados”. A súa colaboración, que forma parte do seu proxecto final no Mestrado en Arte Contemporáneo. Creación e investigación da Universidade viguesa, é unha proxección de vídeo no que se mestura texto e fotografía. Tamén para Cillas Seyde é unha grande oportunidade poder participar nesta exposición de novos artistas “o que facilita a posibilidade de amosarlle á sociedade e ao resto de profesionais do sector o noso traballo”. A súa achega é un vídeo no que se afonda no concepto da relatividade do tempo e a percepción que as persoas teñen del.

A mostra, organizada polo Colectivo de Artistas e Curadores de Porto, poderase visitar ata o vindeiro día 3 de xuño na sede do Edificio Axe. Esta agrupación forma parte dun proxecto que persegue revitalizar e promover o atractivo dende o corazón da cidade portuguesa. Nesta ocasión conta coa colaboración de novos artistas, entre os que estarían os tres ex alumnos da Universidade, e outros moitos que viaxaron nestes días ata esta cidade do norte do país.