DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Saídas de educación ambiental polo Baixo Miño para levar a cabo limpezas puntuais

Percorrer a costa na busca dos 3 erres do mar: recoller, reusar e reciclar

Organizada por ANABAM dentro do proxecto Team-Miño, a primeira será o 16 de marzo en Punta Orelluda

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Noemí Rey DUVI 06/03/2013

Cada ano vértense 6,4 millóns de toneladas de desperdicios ao ecosistema mariño e arredor do 70% acaban no fondo do mar. Iso implica que tan só vemos o 30% da contaminación real que fai languidecer as nosas costas. Para que cada cidadán poida achegar o seu gran de area, a Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM) organiza ao acubillo do proxecto europeo Team-Miño unha serie de saídas de educación ambiental á costa desta comarca para realizar limpezas puntuais. Baixo o lema Os tres erres do mar: recupera (recolle), reutiliza e recicla, téñense programadas 16 saídas ata mediados de xuño, aínda que poderán organizarse máis en función da demanda. “Trátase dunha actividade de educación e sensibilización ambiental desenvolvida de forma lúdica e que permite, entre outras cousas, concienciarse sobre a problemática da contaminación e sobre as condutas apropiadas e inapropiadas que podemos adoptar”, sinala Manuel A. Pombal, vicepresidente de ANABAM e responsable das actividades de divulgación ambiental do proxecto Team-Miño, no que participa a Universidade de Vigo.

A pesar de levar moitos anos desenvolvendo actividades de educación ambiental na comarca do Baixo Miño galego e portugués, é a primeira vez que ANABAM realiza unha campaña destas dimensións, con visitas guiadas que reunirán a máis de 500 persoas ao longo dos meses para a limpeza das costas. Con esta iniciativa inténtase retirar do mar obxectos que nalgúns casos teñen un alto poder contaminante, como o chumbo; a reutilización de obxectos como boias ou cordas e o reciclado de materiais como a madeira; evitar que algún tipo de animal poida quedar atrapado nos restos de redes ou aparellos de pesca; e concienciar á veciñanza da importancia de manter a costa limpa.

Roupa de traballo e calzado cómodo

A actividades concertaranse con centros de ensino ou calquera asociación ou colectivo interesado en participar, pero tamén haberá convocatorias abertas con data, lugar e hora predeterminada á que pode asistir calquera persoa interesada. A primeira será o vindeiro 16 de marzo ás 10.30 horas na zona de Punta Orelluda, en Oia, e haberá un máximo de 40 prazas. Para participar hai que inscribirse a través do enderezo electrónico (pombal@uvigo.es) ou chamando ao 626669067. Recoméndase levar roupa de traballo, como un chándal vello, calzado cómodo para andar polas pedras e luvas axeitadas para a recollida do lixo. A actividade, gratuíta e cunha duración aproximada de 3 horas, incluirá un pequeno agasallo para cada participante e unha merenda, ademais dun caderno didáctico para os escolares.

Esta primeira saída será especial, xa que está enmarcada na 18ª edición do evento ‘Ocean Initiatives’ da Surfrider Foundation Europe, centrado en accións de concienciación sobre o problema dos residuos acuáticos mediante limpezas de praias, lagos, ríos e fondos mariños. O obxectivo é claro: acabar coa praga de plásticos nos océanos, xa que representan o 50% dos residuos vertidos ao mar. “Todo o plástico que se foi fabricando ata o de agora no mundo aínda está sen degradar, xa que algúns poden tardar ata 1000 anos en desfacerse”, salienta Pombal. A fundación achegará aos participantes nesta xornada un pequeno kit de organización e material pedagóxico.

Case 30 anos aglutinados en Exponatur

Boa parte das actividades que ANABAM vén desenvolvendo dende hai case 30 anos está agora recollida en Exponatur: outra forma de ollar a natureza, unha exposición na Área Panorámica de Tui que aglutina en 400 metros cadrados aspectos tan diversos como unha mostra da recollida selectiva de materiais realizada na costa baixomiñota a través do proxecto Team-Miño (boias, cordas, bocas de nasa, palillos de batea, aparellos…); información sobre o tempo de degradación dos materiais vertidos a ríos e mares; exemplos de xoguetes feitos con materiais reciclados; paneis con fotografías sobre flora e fauna ou distintos apartados interactivos para identificar pegadas de animais. Ademais, recréase un humedal, un bosque e unha praia co método de protección da píllara papuda desenvolvido polos membros da asociación ao longo de varios anos.