DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No documental "O abismo amazónico" proxectado na Semana Internacional de Cine Submarino

Un percorrido polo Amazonas con feras e estrañas criaturas da man de Andy Byatt

O biólogo J.A. Romero colabora en varios proxectos co inglés

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Lucía Costas DUVI 27/11/2008

“Unha experiencia única, fantástica e espectacular”. Así calificou Andy Byatt a expedición científica que viviu no Amazonas. Acompañado polo biólogo mariño Juan Antonio Romero, o director inglés amosou o resultado do seu traballo este mediodía no salón de actos da Facultade de Ciencias do Mar coa proxección do documental O abismo amazónico. O obxectivo da reportaxe centrábase en “romper cánones e descubrir novas especies animais da zona”, explicaba Byatt. Un reto máis que logrado, pois “converteuse na serie máis vista da BBC marcando unha nova liña na cadena e acadando un perfil de audiencia diferente ata o de entón”, sinalaba Romero. Non obstante, pese ás múltiples exploracións feitas, “aínda queda moito por descubrir”, remarca o inglés, de aí que se estean a realizar entre unha e dúas expedicións cada ano.
A gravación levouse a cabo no ano 2004. Foron seis meses de intenso traballo para o cal se contou cun gran despregue técnico e humano. Os primeiros noventa días adicáronse a realizar un recoñecemento, a partir de aí comezou o percorrido polo río Amazonas nunha viaxe de 3200 quilómetros “para estudar as zonas máis recónditas, aínda non exploradas, onde existen as criaturas máis estrañas e feras do mundo” subliñaba Byatt.
No documental pódense contemplar caimáns de máis de 200 quilos entre rápidas e perigosas correntes, tamén un peixe gato xigante, anguías eléctricas capaces de descargar 600 voltios e as serpes máis grandes do planeta. Ademais, a bordo dun moderno batiscafo, a 40 metros de profundidade, os científicos descobren nas turbias augas varias criaturas endémicas entre as que destacan uns peixes máis voraces cas pirañas.

Byatt e Romero, comprometidos co mundo mariño

Licenciado en Hidroxoloxía, Andy Byatt coñeceu de neno en Cuba o paraíso do océano tropical e partir de entón converteuse nun apaixonado do mar. Durante máis de 18 anos estivo na Unidade de Historia Natural da BBC, para a que gañou varios premios de vida animal, traballando como produtor e director. Fixo numerosos documentais para a cadena e especializouse en programas de submarinismo con producións como Blue Planet, momento no que coñece a Juan Antonio Romero; Amazon Abyss; Planet Earth e o coñecido filme Deep Blue. Actualmente, dirixe unha compañía de produción independente, Orca Visión e está desenvolvendo próximos proxectos cos produtores de Cool Blue.
Pola súa parte, Romero estudou Bioloxía Mariña en Francia e comeza a súa andaina en 1988 con Jacques Ives Cousteau a bordo do Calypso. Dende entón traballou como director, asesor científico e cámara para Discovery, National Geographic, Arte e Chanel 4 entre outros. Fai tres anos creou a produtora J.3films e a día de hoxe prepara El Pulpo gigante de Alaska e unha nova serie, conxuntamente con Byatt, para a BBC.

Semana Internacional de Cine Submarino

Con este evento péchase o ciclo de actividades da Semana Internacional de Cine Submarino na Universidade pero as proxeccións continúan no Centro Cultural Caixanova. Mañá venres poderase visualizar As Galápagos. Illas de lava, producida por Patrick Morris para a BBC e o documental realizado integramente en Vigo, Mar das Cies, dirixida por Manuel Uhía. Jesús Souza, decano da Facultade de Ciencias do Mar, será o convidado na charla-coloquio ao final das proxeccións.