DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Carlos Rolando compartiu as experiencias de ter traballado para marcas como Eroski, Camper ou Codorn

Un percorrido pola historia do deseño pecha unha nova edición do 'Fálame do Teu'

Creatividade Galega aproveitou o acto para inaugurar a exposición Zocas Novas na Casa das Campás

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI 25/11/2011

Este xoves o alumnado do campus de Pontevedra tivo ocasión de contar coa presenza de Carlos Rolando, un dos deseñadores gráficos con maior percorrido profesional na publicidade nacional e internacional, que foi convidado para clausurar unha nova edición das xornadas Fálame do Teu 3.0. Rolando compartíu as súas experiencias profesionais a fronte de proxectos publicitarios para marcas como Eroski, Camper, Codorniu ou Evax, ademais de facer un percorrido pola evolución do deseño dende as tribus nómadas ata a era actual da tecnoloxía e da información.

Aínda que arxentino de nacemento, leva máis de 40 anos afincado en España e os ultimos anos de profesión tenos dedicado a analizar o impacto das novas tecnoloxías no mercado, estudando a función do deseño na sociedade posindustrial do coñecemento e realizando grandes achegas teóricas sobre o tema.

Zocas Novas chega a Pontevedra

A Asociación de Publicistas Creatividade Galega aproveitou a clausura das xornadas Fálame do Teu para inaugurar na Casa das Campás a exposición Zocas Novas, que aterra en Pontevedra despois de percorrer as cidades de Madrid, Barcelona e Vigo, cun total de 3000 visitas no seu haber. Coa finalidade de promocionar o traballo creativo feito en Galicia, a exposición amosa 50 visións desenfadadas sobre a zoca tradicional, creadas por representantes do mundo publicitario e acompañadas por case un centenar de anuncios realizados por deseñadores galegos. A mostra poderese poderase visitar en Pontevedra ata o 30 deste mes e do 12 ao 15 de decembro ficará no Auditorio do Pazo de Congresos de Ourense para rematar o traxecto o 4 de xaneiro de 2012 en A Coruña.