DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Pazo da Cultura acolle ata o sábado o congreso 'Xoán Manuel Pintos. Actualidade e compromiso'

Un percorrido pola Pontevedra do século XIX homenaxea a X.M. Pintos no seu bicentenario

O roteiro foi idea de Ana Acuña, profesora de Ciencias da Educación, e de Xosé Abilleira

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 06/04/2011

Con motivo da conmemoración dos 200 anos do nacemento do escritor galego Xoán Manuel Pintos, o concello de Pontevedra, coa colaboración das tres universidades galegas, organiza o Congreso Xoán Manuel Pintos. Actualidade e compromiso, que se celebra desde hoxe ata o vindeiro sábado 9 de abril no Pazo da Cultura. Dentro da programación destaca o roteiro que leva o nome do escritor, ideado por Ana Acuña, profesora de Ciencias da Educación da Universidade e por Xosé Abilleira e que “percorre os lugares máis emblemáticos da vida e obra de Pintos e do pasado de Pontevedra”.

Esta andaina tenta recoller, nunha ruta dunha hora e media de duración, “outros espazos relacionados coas figuras que Pintos estudou e reivindicou como Sarmiento ou Amoedo Carballo”, explica a profesora Ana Acuña. Pero a esencia do roteiro quere ir máis aló, pois algúns dos puntos escollidos representaron acontecementos políticos, sociais e culturais de transcendencia na época, “moi interesantes porque presentan a unha Pontevedra do século XIX e todos os cambios que houbo na cidade, como o derrube das murallas, que o propio escritor denunciou”, engade.

Dez puntos significativos

O Roteiro Xoán Manuel Pintos consta de dez paradas estratéxicas tendo como punto de partida a zona do Burgo, “barrio no que naceu e despois residiu, moi mencionado nas súas composicións”, comenta Acuña. O paseo prosigue co cruce da ponte para chegar ao actual mercado “onde quedan evidencias das antigas murallas que rodeaban a cidade ademais de atoparse o cárcere vello, do que Pintos falou para denunciar as condicións inhumanas nas que vivían os presos”. A ruta introdúcese na parte vella da cidade para chegar á rúa Isabel II, “lugar no que se atopaba a imprenta dos irmáns Vilas e na que o escritor editou A Gaita Gallega en 1853”. Nesta rúa, “preto da casa na que viviu Valle Inclán”, existe unha placa conmemorativa que lembra a portada do libro máis coñecido de Pintos. A seguinte parada, na Basílica de Santa María, “a través da cal Pintos recupera a Pontevedra do mar” para continuar ata a Casa Consistorial.

Na metade do percorrido faise unha alusión áa igrexa vella de San Bartolomeu, preto da Casa das Campás, “coa finalidade de reivindicar aquilo que existiu e xa non está”. O Teucro tamén se inclúe no camiño “para darlle o seu lugar a aquelas figuras que contribuíron á orixe mítica da cidade”. Pásase pola praza de Curros Enríquez para chegar a un dos lugares “máis emblemáticos de toda a ruta” como é a praza da Ferrería. “Ademais de dedicarlle un poema, sempre reclamou que a fonte, trasladada polo gobernador Quiñones de León, volvese a colocarse no seu lugar de orixe, preto do actual”. Para rematar, a ruta sigue pola praza da Verdura para finalmente desprazarse ata o colexio dos Xesuítas, “lugar no que se destaca a figura do padre Hermenixildo Amoedo Carballo, cuxa obra foi mencionada e traducida por Pintos”.

Exposición sobre a súa vida e obra

Ana Acuña é comisaria ademais dunha exposición na que se recolle a vida e obra de Pintos. A mostra contén unha liña de tempo na que se diferencian dúas partes, “unha inferior na que se amosa un percorrido polo contexto histórico galego e español e outra superior referida á biografía do escritor, coa súa partida de nacemento, fotos ou arquivos que enriquezan a súa figura”. Con este deseño en “paralelo”, a profesora quere pór de relevancia “que a súa traxectoria sempre estivo relacionada cos acontecementos históricos que sucederon por aquel entón, destacando que sempre se atopou á altura da época”.