DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A novelista e poeta galega Luísa Castro clausurou os "XX Encontros Literarios":

Un percorrido polos sentimentos e as inquedanzas que agochan os libros

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 04/02/2010
Luísa Castro conta que tivo o seu primeiro contacto coa literatura con tan só tres anos grazas á súa avoa, que lle contaba cantigas e relatos populares na súa aldea de Foz. Aquelas noites de conversa deixáronlle unha fonda pegada e espertaron nela o interese e o amor polo mundo da creación literaria. Na actualidade esta novelista e poeta está considerada como unha figura esencial da narrativa galega e española contemporánea con obras que acadaron o recoñecemento do público e da crítica especializada. Luísa Castro clausurou este mércores no Liceo os XX Encontros Literarios cunha conferencia na que falou sobre As verdades da escritura. Na súa intervención Castro fixo un percorrido pola súa obra, desvelando os sentimentos e os conflitos que agochan detrás de cada un dos seus libros e defendeu que “a misión do escritor é perseguir a súa verdade e ser capaz de transmitila, e esa verdade son as cousas que realmente nos importan”.

Relatos e cantigas populares que espertaron o amor pola literatura

A novelista comezou o seu relatorio viaxando ata a súa infancia en Foz e lembrando as cantigas e relatos populares da súa avoa. “Naquel momento fun consciente de que alguén na miña contorna me estaba transmitindo unhas historias que eran para non esquecer”, declarou. Daquela experiencia recibiu o desexo de reconciliación co pasado, coa familia e cos desencontros da vida e todo iso prendeu nela cando descubriu aos escritores no colexio. “Comprobei entón que había outras persoas que contaban uns relatos que trascendían ese mundo de beleza e de harmonía que me transmitía a miña avoa”. A poeta asegura que foi entón cando pensou en facer algo semellante, “construír historias que aportasen algo e que fixesen desfrutar ao lector”. Luísa Castro afirmou tamén que “no momento no que un se decide a escribir e a dedicar o seu tempo á lectura e á escritura hai no fondo un compromiso co ser humano”.

Traxectoria literaria e vital dunha escritora comprometida

Castro continuou a súa intervención realizando un percorrido pola súa traxectoria como creadora literaria influída polo relato galeguista nun primeiro momento, “con autores como Celso Emilio Ferreiro e Otero Pedrayo”, polo relato comunista despois da man de Pablo Neruda e polo relato existencialista a través de escritores como Jean Paul Sartre, Albert Camus e Simone de Beauvoir. Coa súa primeira novela, El Somier, foi finalista do Premio Herralde no ano 1990 e a súa escrita ensinoulle “que se podía contar o relato dunha vida de maneiras diferentes e que todas elas son verdade”. Subliñou tamén que o seu “é un compromiso comigo mesma e con como eu proceso o meu estar neste mundo”. A narradora falou tamén das súas últimas obras: Viajes con mi padre e La segunda mujer, das que dixo sentirse “orgullosa por tratarse de dous libros reveladores nos que me atopei con sentimentos e inquedanzas que non sabía que existían en min”. Defendeu tamén a súa aposta pola realidade que, segundo a súa opinión, “é moito máis rica que a ficción” e desvelou o seu especial coidado por tomar aspectos do mundo real e describilos coa maior exactitude que lle é posible ata ser capaz de retratalos, unha misión onde a maior dificultade está en retratar “os propios sentimentos e vivencias”. Para Luísa Castro a misión do escritor “é perseguir a súa verdade e ser capaz de transmitila, e esa verdade son as cousas que nos importan.
Os XX Encontros Literarios é unha actividade organizada pola sección de Literatura do Liceo e a Vicerreitoría do campus co obxectivo de reunir en Ourense aos escritores mais significativos da narrativa española. O evento desenvolveuse ao longo desta semana na aula de cultura do Liceo.