DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Baixo o título de 'El Buen Errar', reúne as reflexións e obras de 32 creadores e investigadores

Peregrinacións e derivas centran o novo ‘anuario-obra’ de Belas Artes

Con portada de Joaquín Reyes, trátase dunha publicación realizada na propia facultade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 07/10/2022

O espazo e como percorrelo, o vagabundeo, as peregrinacións, as rutas sagradas, prohibidas ou administrativas, o errar con ou sen erros.... Múltiples cuestións ligadas ao desprazamento humano conflúen no número 1 do anuario de Belas Artes. Realizada na copiadora Riso da facultade, dentro do seu selo de autoedicións Error es Bien, e editada co apoio do Servizo de Publicacións da UVigo, trátase dun volume no que conflúen a reflexión teórica e a obra gráfica e que se caracteriza á súa vez polo carácter único de cada un dos seus 300 exemplares, dadas as variacións entre copias que implica o traballo con técnicas risográficas. De aí que esta publicación anual, que comezou a súa andaina o pasado ano cun número 0, se presente como un “anuario/obra”, que combina elementos propios dunha revista académica, como un comité editorial integrado por académicos de diferentes países, coa materialidade propia dun libro de artista.

O número 1 deste anuario presentouse na tarde deste xoves na Casa das Campás, nun acto no que participaron o director do seu consello editorial, o profesor emérito Juan Fernando de Laiglesia, o membro deste e deseñador da publicación, Marcos Covelo, e o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres. Baixo o título de El Buen Errar, trátase dun volume con portada do cómico e licenciado en Belas Artes Joaquín Reyes pola Universidad de Castilla-La Mancha, no que se reúnen as reflexións e obras de 32 académicos, artistas e profesionais de diferentes xeracións. Aínda que o proceso de edición “practicamente manual”, como sinala De Laiglesia, fixo que os prazos se alongasen, “a idea motor deste número", correspondente con 2021, era facelo coincidir co ano Xacobeo” e, partindo desa idea do erro en torno á que xira a publicación, abordar “que diferentes peregrinaxes existen e que marxe de erro hai no errar”.  

Pensamento, imaxes e conversas

Coordinada por un comité editorial que completan os docentes Nono Bandera, editor executivo, Chelo Matesanz, Anne Heyvaert, Lucía Romaní, José Chavete e José Andrés Santiago, este anuario/obra articúlase en cinco seccións que van da reflexión académica á obra gráfica. No apartado PÚA_pensamento universitario arte, reúnense os “traballos de reflexión discursiva” de Alberto Ruiz de Samaniego, Jaime Sagasti, Rosendo Cid, Eva Monroy e Ventura Pérez. Nos seus textos, apunta De Laiglesia, a idea do errar abórdase desde perspectivas que van da “importancia do lixo como non lugar contemporáneo” aos camiños que trazan os perfís en Instagram, pasando polo “cruzamento entre viaxe e memoria” que representa un souvenir. 

Once artistas, entre as que se atopan tanto docentes como tituladas da facultade, protagonizan o apartado VERTEBRADOS_galería de gráficas imprevistas, un espazo que De Laiglesia presenta como “unha marea de imaxes do máis suxestivas”, mentres que outro dos apartados IN OUT, busca recoller conversas entre académicos e artistas, como a que Alejandro López e Lucía Ramadán centran, a través “dun intercambio de imaxes e escritura”, no erro presente no “desexo, o inoportuno e o inesperado”. Con ese mesmo punto de partida, Alicia Pardilla e Ariadna Maestre presentan unha serie de mapas xurdidos dunha conversa telefónica que manteñen desde dúas illas das Canarias, mentres que as doutoras en Belas Artes Uxía Fernández e Sara Fuentes propoñen unha conversa sobre a investigación “como un percorrido inesperado”, á vez que Miriam Inza e Jugatx Astorkia reflexionan sobre a idea do “analodixital”. 

Presentado como “propostas plásticas de utopía realizable”, o apartado UN BORDE reúne as achegas de Ana Crespo, Antía Iglesias, Arturo Comas, Javier Tudela, Mar Ramón e Sara Piñeiro, nas que reflexionan tanto sobre os “os sendeiros das formigas e as vilas abandonadas da selva amazónica” como sobre as sopas de letras e os encrucillados, completándose a publicación coa sección QUIZÁS, que reúne un “relato sorpresa” de Miguel Lorente e unha “banda deseñada sobre tres camiños que acaban nun erro” de Jorge Varela. 

Un proxecto colaborativo e sostible

De afondar nos aspectos técnicos do traballo coa copiadora Riso SF9350 que deu pé nos últimos anos a diferentes publicacións dentro do selo Error es Bien, encargouse nesta presentación o profesor Marcos Covelo. Por unha banda, incidiu no carácter único que achega a cada exemplar a variabilidade na carga e saturación de tinta da copiadora, que fan que o resultado final dun anuario que non conta con versión dixital “acábese convertendo máis nun formato de libro de artista que nunha revista ao uso”. Así mesmo Covelo puxo tamén o foco en que este anuario é resultado dun “traballo colaborativo”, no que xogan un papel activo os bolseiros do taller de risogarfía e que implicou a impresión de preto de 18.000 follas. Outro dos eixos desta serie de publicacións, lembrou, é a aposta pola sustentabilidade, a través do traballo “con papeis reciclados e tintas cunha menor gradación tóxica que as convencionais” e cunha máquina “que traballa en frío, con pouco consumo de enerxía”.