DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Carlos Tejo coordina unha xornadas que se desenvolverán por primeira vez tamén en Ourense

A performance galega protagoniza o décimo aniversario de Chámalle X

A presenza das mulleres artistas é máis notoria ca nunca nesta edición

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Iolanda Fernández DUVI 11/09/2013

Chámalle X está de aniversario e para celebralo, estas xornadas de arte de acción presentan na súa última edición un programa moi especial no que toman protagonismo nove artistas galegos de recoñecido prestixio e traxectoria no eido da performance. Como principal novidade, nesta ocasión non só serán as rúas e prazas de Pontevedra as que acollan estas actividades senón tamén diversos espazos públicos da cidade de Ourense. A través desta iniciativa, a organización pretende homenaxear aos máis de 30 artistas galegos que colaboraron desinteresadamente ao longo destes últimos dez anos nesta innovadora proposta artística realizando unha pequena selección entre todos eles, tal e como explicou este mércores o coordinador das xornadas, o profesor da Facultade de Belas Artes Carlos Tejo.

As nove propostas seleccionadas para esta última edición das xornadas Chámalle X “teñen un interese especial xa que a presenza das mulleres artistas é máis notoria ca nunca”, asegura Tejo. Un feito no que tamén incidiron tanto a vicerreitora do campus Antonia Blanco como a xefa da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo Anabel González Penín na presentación desta iniciativa ante os medios de comunicación na Casa das Campás. Blanco asegurou que “proxectos coma este non deben esvaecer no tempo” mentres que González Penín recalcou o feito de que “pouco a pouco as mulleres imos ocupando o lugar que merecemos e nos negaron ao longo da historia”. Tamén o decano da Facultade de Belas Artes, Juan Carlos Meana, se sumou á defensa do papel que a muller ten no mundo da arte. A maiores, Meana tamén salientou a necesidade de “agudizar o enxeño en tempos de crise” e agradeceu o apoio que, por primeira vez, lle brindan a esta iniciativa cultural tanto a Unidade de Igualdade da Universidade coma o Concello de Pontevedra. Precisamente dos lazos entre a Universidade e o propio organismo municipal falou a concelleira de Cultura Anxos Riveiro quen asegurou que “o Concello non podía quedar á marxe dunha actividade deste tipo de ningún xeito”.

Unha escolma do mellor entre o mellor

Ao longo destes últimos dez anos, as xornadas Chámalle X achegaron ata a cidade de Pontevedra, e nalgunhas ocasións ata o Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) en Santiago de Compostela e ata o MARCO en Vigo, a máis de 80 artistas de todo o estado e doutros países coma Alemaña, Portugal ou Marrocos. Neste mes de setembro celebrarase a que será súa décima edición e para Carlos Tejo “este é un número redondo”. O coordinador das xornadas subliñou “a importancia de manterse no tempo e promover esta iniciativa ano tras ano mantendo sempre a calidade do formato e poñendo en valor tanto aos e ás artistas coma o seu traballo”. Nesta ocasión, Tejo decidiu homenaxear aos artistas que traballan as performances no contexto cultural galego, "realicei unha escolma que pretende converter as xornadas Chámalle X nun fiel reflexo da nosa sociedade”,sinala.

As pontevedresas prazas da Peregrina e a de España serán os primeiros espazos públicos en acoller, este venres 13 de setembro, as performances de Amaya González (Alegoría) e Alba Blanco (Chumba 3). González traballará con material reciclado e metal mentres que Blanco “precisará da axuda doutras tres persoas para realizar un percorrido complexo ao redor da praza”, explicou Carlos Tejo. O sábado 14 continúan as actividades na praza da Leña da man de María Marticorena e Ana Gesto con Instintos de doo e Xesto é sombra, respectivamente. O domingo 15 tócalle a súa quenda a David Crespo de novo na Peregrina coa súa Técnica do balón. “Ironía, humor e o absurdo únense para crear unha metáfora que dun heroe que decide achegarse no mundo dos campionatos deportivos”, comentou o coordinador.

O primeiro contacto co público ourensán

Grazas á colaboración da Vicerreitoría do campus de Ourense, na tarde do venres 20 de setembro a praza Maior, a do Ferro e a rúa do Paseo converteranse en punto de interese para os veciños e veciñas da cidade das Burgas xa que Ana Mazoy, Belén Chorén e o grupo Ad-Hoc (Antonio Rivas, Pedro Lamas, Ramón Cruces, Roque Mosquera e Lois Gil Magariños) presentarán as súas performances. Mazoy intentará crear “unha especie de rede coa colaboración do público asistente coa súa Dialéctica do Aracne mentres que Chorén optará pola poesía como canle de comunicación en Camiños”, salientou o coordinador das xornadas Chámalle X. Pola súa banda, o grupo Ad-Hoc tamén recorrerá á poesía e mais á música para “amosar un proxecto mordaz e crítico coa actualidade política e social do país que leva por título Poema biolento”, destacou.

Finalmente, Felix Fernández porá o punto e final a estas xornadas o venres 27 de setembro no MARCO de Vigo. A súa formación non só no eido das performances senón tamén da fotografía e do vídeo fan del un dos artistas galegos con maior proxección. Nesta ocasión, Fernández presentará O Gardián, un espectáculo ante o público asistente “cun claro compoñente crítico coa política e coas persoas que ostentar o poder”, concluíu Carlos Tejo.