DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Carlos Tejo, director das Xornadas de Arte de Acción “Chámalle X”:

“A performance ten agora maior visibilidade, con iniciativas de exhibición interesantes en toda España”

A programación inclúe as presentacións do FEM de Girona e o Alt de Vigo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 10/11/2009

Hoxe comeza a sexta edición de Chámalle X, a cita anual que achega a arte de acción máis recente a Pontevedra. Organizada pola facultade de Belas Artes e patrocinada pola Vicerreitoría do campus, propón unha escolma de artistas locais, españois e estranxeiros, que conforman unha mostra representativa do panorama performance. Desde o ano pasado integra, ademais, dúas novas seccións, País convidado e Acción en vídeo ou vídeo da acción, e procura tecer a grella de intervencións en torno a unha mesma liña argumental. Este ano foi a quenda de Alemaña no apartado internacional do festival, un proxecto de Nieves Correa editado por Liveartworks Editions protagoniza as proxeccións e o fío condutor da exhibición de performances é o humor. Debullamos o programa co seu director, Carlos Tejo, tratando os conceptos sobre os que traballan os artistas presentes en cartel, pero sen revelar como desenvolverán as súas accións.

Como foi a evolución do Chamalle X ata esta sexta edición?
Naceu no 2004 como unha iniciativa bastante modesta e cunha programación moito máis reducida. Durou algo así como un lóstrego, un día e medio. No 2005 incrementamos o número de artistas e empezou a medrar. Nos anos consecutivos viviu un crecemento ascendente. Ao longo desta evolución producíronse novidades. O máis destacado foi a apertura das dúas novas seccións o ano pasado, así como a ampliación do programa de conferencias e presentacións. A principal novidade deste ano é que sacamos as performances á rúa.

A maioría delas terá lugar na praza da Peregrina, cal é o obxectivo desa saída?
Transcender aos espazos expositivos tradicionais. Aproveitando que a performance é unha práctica bastante moldeable, que se adapta a calquera espazo, pensei que era importante e necesario descontextualizar as accións do ambito artístico dunha sala ou do museo e sacalas ao espazo urbano, no que lóxicamente, as vai ver máis xente.

Que lugar ocupa a performance dentro do panorama da arte actual?
Penso que agora ten maior visibilidade. Así e todo é unha práctica que ten un handicap, pois ao non producir obra obxectual non se mercantiliza. Iso outórgalle unha característica moi especial, pero ao mesmo tempo xoga na súa contra, porque é difícil que entre nos espazos institucionais, falando sen ningún tipo de victimismo. Basicamente os elementos da acción son o corpo, o espazo, a presenza, o tempo e un contexto, pero non deixa un resto que se poida mercantilizar. Ese carácter efémero crea unhas consecuencias importantes para a súa exhibición, produción e difusión.

Aí é onde cobran sentido festivais como Chámalle X.
Si, polo menos intentan crear un espazo estable no que se poidan ver este tipo de manifestacións. Pero, insisto, agora están nun bo momento e hai iniciativas interesantes en toda España.

Que eventos son entón referentes neste momento? Por exemplo, Denys Blacker presentará aquí mañá o FEM.
Denys realizou un gran labor de consolidación dun espazo para a performance. O FEM leva sete ou oito edicións en Girona e está centrado na produción feita por mulleres. É unha mostra anual e é bastante representativa. Hai outro festival fantástico en Madrid, tamén en novembro, o MAD, comisariado por Nieves Correa e Hilario Álvarez, e que ocupa a cidade durante tres ou catro días. Outro piar importante é o que está facendo Rubén Barroso en Sevilla, cun festival que se chama Contenedores. Logo hai outro tipo de festivais máis dedicados ás artes escénicas alternativas, como o Alt de Vigo, que tamén programan performances. Cada ano xorden iniciativas novas, acaba de nacer unha en León, tamén hai cousas en Bilbao e en Huesca... O panorama e diverso e bastante dinámico.

Centrándonos na programación, que levou á escolla de Alemaña como país convidado?
Non foi unha escolla azarosa, eu coñecía algúns artistas alemáns centrados no eido da performance que me parecían interesantes e que non hai forma de traelos aquí doutro xeito. Alemaña é un país cunha gran tradición na arte de acción, non esquezamos a Beuys. Ten un panorama moi vivo e parecíame un campo moi interesante para investigar. A escolma é modesta porque o noso orzamento non é moi elevado e finalmente veñen tres artistas.

Cales son as liñas de traballo deses tres artistas?
Comezamos con Stefanie Trojan, que case exclusivamente traballa no espazo urbano. Emprega cuestións de carácter moi persoal e, sobre todo, as consecuencias dos desprazamentos tanto físicos como mentais, pois para viaxar, como dicía Pessoa, non fai falta saír do despacho. O mércores poderemos ver a Johannes Deimling, que ten unha traxectoria moi ampla e só fai arte de acción. Formula cuestións sobre a identidade vencellada ao nacionalismo e é moi crítico con algunhas circunstancias políticas do seu país. A última, Nezaket Ekici, estará o xoves na facultade. Está traballando con cuestións identitarias nun senso amplo, vinculando a identidade cultural cos patróns patriarcais do seu país de orixe, que é Turquía, e establecendo comparativas con Alemaña, que é o seu país de acollida. É bastante directa nas súas mensaxes.

E no tocante á escolla local: Rita Rodríguez, o colectivo L.I.B.A...
Rita Rodríguez é unha artista que leva moito tempo traballando, moi representativa dentro do campo da performance, pero que tamén desenvolve outros eidos como a fotografía e a instalación. Nos seus traballos anteriores pódese atopar certo interese por prácticas ligadas ao discurso de xénero. L.I.B.A. é un colectivo que acaba de estrearse e ten unha proposta moi dinámica, que pode achegar moita frescura, sobre todo por ter a vinte persoas traballando xuntas no espazo urbano. Mañá estarán tamén Los Lolos, un grupo integrado por Iñaki López e Vanesa Castro, que teñen un gran sentido do humor. O proxecto que presentaron encadra moi ben no fío condutor deste ano. O xoves teremos a Lucía García Rey e Christian García Bello. E, por último, Lola Correa, directora do Alt, vén a presentar o Festival de Artes Alternativas de Vigo a Pontevedra.

Para non esquecer nada do programa, fálame da representación valenciana.
Álvaro Terrones e Santiago López levan traballando xuntos dende hai anos e tamén teñen unha traxectoria ampla. Presentan a acción Partido Español Inservible, que dá pistas de por onde van a ir. Son imprescindibles para entender a performance máis nova que se está facendo en España.

Xa para rematar, cara a onde camiña Chamalle X?
Non son futurólogo, pero gustaríame que perdurase, aínda que as cousas non son eternas e tampouco deben selo, senón sería todo moi aburrido. Intentaremos traballar para o ano que vén ter algo semellante e seguir coa mesma liña de actuación, dándolle prioridade aos artistas locais e incorporando artistas internacionais, mandento a sección de Acción en vídeo ou vídeo da acción e facendo unha boa escolma do que son as performances no Estado.

Programa das Xornadas Chámalle X (619 kb)