DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Historia organiza unha ruta interpretativa polo lugar onde naceu Ourense

Pero non coñeces Santomé?

O obxectivo é valorizar o patrimonio cultural e natural próximo ao campus universitario e á cidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 11/01/2013
En numerosas ocasións o gran descoñecido para os cidadáns é o patrimonio que teñen máis próximo. Coñécese a historia de catedrais, xacementos e monumentos doutras cidades e países pero moitas veces ignórase a da propia contorna. Para axudar a atallar esta situación entre a comunidade universitaria, a Facultade de Historia vén de pór en marcha unha iniciativa de rutas interpretativas que permitirá aos participantes achegarse, da man de arqueólogos e de ambientólogos, a algúns dos enclaves con máis interese cultural e natural da cidade e das súas proximidades. A primeira ruta xa ten data e destino. Será o 24 de xaneiro ao Castro de Santomé, o lugar onde naceu Ourense.

“Catro son os obxectivos prioritarios que perseguimos coa realización desta ruta e das seguintes que faremos. O principal é dar a coñecer á comunidade universitaria e a calquera persoa interesada o patrimonio cultural e natural inmediato ao campus de Ourense. Queremos así mellorar o recoñecemento social destes lugares e activar as engrenaxes para o seu estudo e conservación”, explica Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia. A promoción de condutas e estilos de vida saudables, en consonancia co Campus ConVida; a formación de estudantes voluntarios que queiran unirse á organización destas rutas e a promoción dos recursos hídricos, neste caso do Río Loña e tendo en conta o proxecto do Campus da Auga, son outros obxectivos desta iniciativa.

Valor patrimonial e natural

Tal e como subliña Martiño Xosé Vázquez, do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo e persoa a cargo da actividade, “todo ourensán debería coñecer Santomé, pois considérase que é onde naceu Ourense. A ocupación do castro sitúase arredor do século II antes de Cristo e a medida que os seus habitantes foron aumentando foise creando a cidade”. Xunto a este valor histórico, apunta, “Santomé é moi interesante porque é un aténtico verxel natural. Protexido dos ventos do norte, ten un microclima mediterráneo que fai que na zona se poidan apreciar especies vexetais como o érbedo e animais como a bolboreta charaxes jasius, que necesita dese arbusto para reproducirse”.

A ruta celebrarase o xoves 24 de xaneiro, de 14.00 a 18.00 horas aproximadamente. As persoas que se inscriban na actividade, que é de balde, partirán do propio campus de Ourense e realizarán en total un percorrido de sete quilómetros no seu desprazamento ata Santomé, situado na zona de Mende. Unha vez alí realizarán unha visita guiada da man deste arqueólogo e dun ambientólogo, cada un dos cales incidirá en aspectos de interesa da súa área. Para ir abrindo apetito e para dar unhas pinceladas sobre o valor deste enclave, os organizadores da iniciativa editaron diferentes carteis nos que se recollen diversos elementos representativos da zona. Do eido natural, nos materiais destácanse aspectos como a citada bolboreta do érbedo, que chama a atención pola súa gran beleza, e as chamadas marmitas de xigante que se crean na zona pola capacidade erosiva do Río Loña. Do eido arqueolóxico, nos carteis pódense apreciar diferentes pezas atopadas nas escavacións do castro, como son unha ola de cerámica, unha lucerna, unha placa metálica dun cinto e sobre todo a chave que hoxe en día é a chave da cidade de Ourense e que se ofrece aos visitantes máis ilustres.

Esta será a primeira das rutas interpretativas postas en marcha pola Facultade de Historia, unha inciativa que polo seu valor histórico e natural os seus promotores agardan se converta nunha cita que se repita cada curso. Tras a visita a Santomé, a programación de rutas continuará con novos percorridos por enclaves da cidade. As persoas interesadas poden apuntarse á ruta de Santomé no LERD, no Edificio Administrativo do campus. Os 30 primeiros apuntados terán o xantar da excursión de balde, que inclúe bocadillo, froita, bebida e café.