DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto SOST-Erizo forma parte do programa Redemar

Persoal do CIM presenta un índice para medir a sostibilidade da pesca do ourizo de mar

Nun evento no que tamén participaron confrarías e representantes da administración pública

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cooperación
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI 19/10/2023

A pesca do ourizo de mar en Galicia ten un grande interese socioeconómico e a demanda deste recurso incrementouse nos últimos anos. Pero os ourizos de mar mostran unha alta sensibilidade aos efectos do cambio climático, o que pon de manifesto a importancia de conseguir prácticas sostibles e evitar a sobreexplotación. Co fin de promover a sostibilidade a longo prazo do recurso, persoal investigador Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) participou no proxecto SOST-Erizo, unha iniciativa que forma parte do programa Redemar da Xunta de Galicia que promove a colaboración entre o sector pesqueiro e os organismos científicos galegos. Os resultados deste proxecto presentáronse esta semana nun evento no que tamén estiveron presentes representantes das confrarías galegas e da administración pública.

O obxectivo do proxecto, no que está implicado persoal do grupo Future Oceans Lab do CIM, é mellorar o coñecemento e a sostibilidade a longo prazo do ourizo de mar seguindo criterios ambientais, económicos, sociais e de gobernanza. O proxecto representa un esforzo innovador e cientificamente fundamentado para a xestión colaborativa e eficiente do ourizo de mar. Os investigadores propuxeron unha metodoloxía interdisciplinaria para medir cuantitativamente a sostibilidade e promover a implementación de tecnoloxías innovadoras na xestión sostible dos recursos no sistema pesqueiro do ourizo. Ademais, céntrase na formación e sensibilización sobre sostibilidade no sector pesqueiro. 

Un índice que proporciona unha puntuación de sostibilidade

Concretamente, tras o traballo de investigación realizado, presentouse un índice de sostibilidade, creado entre o persoal investigador do centro e en colaboración co Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) da Consellería do Mar, xunto con Mareira Bizi e as confrarías de Baiona e Lira. Para iso, realizaráronse catro obradoiros nas confrarías participantes no estudo onde se traballou co sector nos indicadores mais relevantes para as catro dimensións do índice: ambiental, económica, social e de gobernanza. A ferramenta desenvolvida proporciona unha puntuación de sostibilidade que axudará aos mariscadores e pescadores a mellorar a xestión e asegurar o futuro deste importante recurso para o sector en Galicia.

Durante a sesión, na que participaron representantes de confrarías, expertos técnicos e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia, Susana Rodríguez, destacouse a “boa disposición e participación do sector, habendo moi bo traballo nos obradoiros coas confrarías, que se mostraron interesadas no índice, propoñendo a posibilidade de dixitalizar e automatizar todo o proceso e emprega a aplicación móbil desenvolta para o seguimento do recurso por parte de cada recolector”. A encargada de presentar o índice foi a investigadora do Future Ocean Lab, Elena Ojea.