DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso xurdido da colaboración de Dirección e Xestión Pública coa Universidade de Sao Paulo

Persoal directivo do Brasil fórmase no campus no sistema de gobernanza español e galego

Este luns tamén tivo lugar unha conferencia sobre a cooperación entre a UE e América Latina

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Internacional
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 13/11/2023

Persoal directivo tanto de administracións municipais, como de empresas e asociacións do Brasil, todos eles alumnado de posgrao da Universidade de Sao Paulo (USP), amplían os seus coñecementos sobre o sistema de gobernanza español nun curso na Facultade de Dirección e Xestión Pública. Inserido nas actividades da Escola Aberta de Formación Permanente (EAFP) da UVigo, trátase dun curso avanzado de posgrao que o grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3 deseñou para este grupo de profesionais do Brasil, no marco da colaboración que mantén co Laboratorio de Xestión Pública da USP. Ao longo desta semana, os 18 participantes nesta actividade toman parte nunha serie de sesións académicas e visitas institucionais dirixidas a afondar en “como se coordinan os distintos niveis de goberno nun estado descentralizado”, como explica o decano, Enrique Varela. Ao mesmo tempo, a facultade acolleu tamén este luns unha conferencia sobre as relacións entre a Unión Europea e América Latina, inserida nas actividades da Cátedra Jean Monnet Institucións europeas e cidadáns.

Acompañados polos profesores da USP Fernando Coelho e Mauricio Correia, as e os participantes neste curso iniciaron a súa formación cunha sesión sobre gobernanza pública e cooperación institucional, precedida do acto inaugural no que participaron a vicerreitora de campus, Eva María Lantarón, e o decano. Como explicou Varela, esta formación de 25 horas, que lles permitirá obter un título propio da UVigo, é o resultado “dun traballo de moitos meses”, xa que se trata dunha formación deseñada especificamente para este grupo, aínda que co obxectivo é que pase a ser “un curso estable que poidan recibir outros grupos de alumnos de América Latina”. Esta iniciativa, lembrou, é resultado da “colaboración que mantemos desde hai moitos anos” coa USP, coa que traballan tamén na actualización do convenio de recoñecemento mutuo de estudos, que permitía ao estudantado de Dirección e Xestión Pública e de Xestión de Políticas Públicas no Brasil obter as dúas titulacións cursando parte dos seus estudos na outra universidade.  

Da análise académica ao contacto directo

Ao longo da semana, as e os participantes neste curso de posgrao abordarán diferentes aspectos relativos aos “modelos de gobernanza e dirección pública en España”, como explica Varela, en xornadas que combinan “a dimensión académica e a institucional”. Por unha banda, nas diferentes sesións abordarán temáticas como as políticas públicas, a Unión Europea, a dirección pública e xestión de recursos humanos e o sistema político galego, da man dos investigadores Xosé Mahou, Constatino Cordal, Óscar Briones e Fernando Martínez. Ao mesmo tempo, coa idea de que teñan un coñecemento das diferentes administracións a través dun “contacto directo”, o programa complétase cunha serie de visitas, que arrancaron este luns na Vicerreitoría do campus. Nese senso, ao loongo da semana, este grupo visitará a Delegación Territorial da Xunta de Galicia, a Axencia Europea de Control da Pesca, a Delegación en Pontevedra da Agencia Tributaria e a Deputación Provincial.

Europa, China e América Latina 

Tamén este luns, Dirección e Xestión Pública acolleu unha conferencia do foro Tribuna Europea, da Cátedra Jean Monnet Institucións Europeas e Cidadáns, que dirixe o profesor da facultade Celso Cancela. Promovida coa colaboración do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), e Casa Asia, este relatorio correu a cargo da profesora da Benemérita Universidad Autónoma de Puebla Raquel Isamara León, directora do Observatorio da Política Chinesa do Igadi. Nunha conferencia aberta ao público, León de la Rosa trazou unha comparativa entre os vínculos que América Latina mantén coa Unión Europea e coa China. Desde unha perspectiva “xeoeconómica”, sinalou, a UE pasou de ser o “segundo socio da rexión” a verse “totalmente desprazada” a comezos do presente século, o que levouna a trazar unha comparativa sobre como, pese a que ambos actores “utilizan conceptos similares, como cooperación e desenvolvemento, o alcance destes termos é moi distinto”. Partindo desa visión comparada, León afondou en como “desde a perspectiva latinoamericana, volveuse máis exitoso o discurso chinés”, mentres que a “alta institucionalización” da políticas comunitarias rematou por xerar en ocasións “condicionantes moi altos para o contexto” de América Latina.