DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Lidia Blanco acadou o galardón á mellor tese de doutoramento

Persoal investigador do campus acapara os Premios da Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo

A categoría de mellor artigo foi para un traballo de Elisa Alén, Trinidad Domínguez e Simon Darcy

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 20/01/2017

Persoal investigador da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense vén de ser distinguido nos II Premios da Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo Aecit, acaparando todos os galardóns concedidos. Deste xeito, por unha banda Lidia Blanco fíxose co premio á mellor tese de doutoramento en turismo e Elisa Alén, Trinidad Domínguez e Simon Darcy co premio ao mellor artigo de investigación en turismo.

A entrega de premios tivo lugar este xoves no marco da asemblea anual de Aecit celebrada en Fitur. José Antonio Fraiz e Elisa Alén foron os encargados de recoller os galardóns de man dos representantes da entidade, que conta con 250 socios e agrupa a persoal docente e investigador e profesionais de recoñecido prestixio relacionadas co mundo do turismo. Os profesores da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo recolleron uns premios que, salientaron, supoñen un recoñecemento á calidade do traballo investigador que se realiza no eido do turismo desde o campus de Ourense e un aliciente para seguir avanzando neste eido.

Desenvolvemento turístico de áreas protexidas

O premio á mellor tese de doutoramento en turismo foi para Lidia Blanco. Dirixida por José Antonio Fraiz e Ana Gueimonde e defendida na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo ourensá, a tese levou por título A competitividade turística e os seus factores determinantes: proposta dun modelo para as áreas protexidas. Nela, apunta a investigadora, “abordamos a crecente importancia do turismo baseado na natureza, e máis concretamente a relevancia das áreas protexidas como atraccións turísticas”. Tendo en conta a escaseza de investigacións neste eido e a crecente relevancia do sector, neste estudo, engade a autora, “propoñemos a elaboración dun modelo de competitividade turística para estas áreas”.

Entre outros aspectos, na investigación identificáronse os factores determinantes da competitividade que deben de ser considerados no caso concreto das áreas protexidas: os recursos cos que conta o espazo para desenvolver un turismo baseado na natureza, a xestión medioambiental do espazo, a categoría de protección da área e as relacións de cooperación entre os axentes que interveñen no espazo. Ademais, engade Lidia Blanco, “contemplamos a repercusión destas variables sobre a competitividade turística, entendida en termos económicos (atracción de turistas) pero, tamén, en termos sociais (a través da influencia na calidade de vida da poboación local), pois concibimos que a competitividade dos destinos turísticos debe asociarse necesariamente á súa sostibilidade”.

Para contrastar empiricamente o modelo proposto, durante a investigación realizáronse enquisas a xestores, directores e técnicos dos Parques Nacionais, Parques Naturais e Reservas da Biosfera de España, obtendo unha mostra de 102 persoas enquisadas. A partir dos datos extraídos, indica a investigadora, “concluímos que tanto os recursos como a cooperación e as diferentes categorías de protección da área inflúen na súa competitividade turística, ao contrario da xestión medioambiental, cuxa relación resultou non significativa”. Ademais, engade, “constatamos que a cooperación é o principal determinante de competitividade das áreas protexidas, poñendo de manifesto que nestes destinos inflúen máis os factores institucionais que os estruturais”.

Comparativa en turismo accesible entre España e Australia

O premio ao mellor artigo de investigación en turismo foi para Competing for the disability tourism market. A comparative exploration of the factors of accessible tourism competitiveness in Spain and Australia, asinado por Trinidad Domínguez, Simon Darcy e Elisa Alén e publicado no volume 47 de Tourism Management. “Este traballo propón determinar que factores fan que un destino sexa competitivo para o mercado do turismo accesible”, explican as súa autoras. O obxectivo foi formular unha clasificación que poida comparar os factores de competitividade, con conxuntos de datos históricos e apropiados, co fin de examinar a competitividade dos destinos para o turismo accesible en ambos países. Os resultados, indican, “suxiren que os factores de competitividade son diferentes en determinación e importancia e dependen do país. O clima, a ubicación e a estrutura turística son os máis importantes para España, mentres que a calidade dos servizos, a marca e a infraestrutura son de grande importancia para Australia”.