DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro dun convenio de colaboración asinado este martes coa Universidade

Persoal investigador do campus buscará as orixes históricas de Oímbra

Durante o proxecto farase unha recuperación da información documental existente en arquivos

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 18/04/2017

Buscar as orixes históricas do Concello de Oímbra. Con este obxectivo, representantes deste concello e da Universidade de Vigo asinaron este martes no campus de Ourense un convenio de colaboración en materia de documentación histórica. Ademais, asinouse un convenio marco de colaboración co obxectivo de promover a nivel xeral a cooperación e a colaboración entre a institución académica e a municipal.

Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e Ana María Villarino, alcaldesa de Oímbra, foron os encargados de asinar os dous convenios. O reitor salientou como esta iniciativa se enmarca “na dinámica de relacionarnos coa nosa contorna social” e como supón un exemplo máis de como a institución académica “está absolutamente comprometida co territorio”. Mato recalcou como “non nos conformamos con transferir ao mundo empresarial e económico” e falou sobre como este tipo de iniciativas supoñen “unha maneira máis clara de transferir aos concellos” e achegarlles “o talento que temos”. “A idea de pór en marcha este convenio nace da necesidade de buscar as nosas orixes. É importante saber cales son as nosas orixes para saber tamén a onde imos”, explicou pola súa banda Ana María Villarino. A alcaldesa indicou como, dado que “non tivemos a sorte de ter ningún historiador local”, descoñécese a evolución histórica deste enclave. Por este motivo, apuntou, “achegámonos á universidade” co desexo de que este proxecto de documentación histórica “teña bos resultados”.

Revisión documental

O convenio específico de colaboración en materia de documentación histórica ten como propósito “realizar actividades e proxectos en forma conxunta en materia de investigación histórica e documental sobre as orixes do Concello de Oímbra, no contexto do Val do Támega”. Concretamente cítase no documento “a recuperación e síntese da información documental coñecida sobre o Concello de Oímbra no seu contexto territorial no val do Río Támega, a través da consulta da bibliografía e das fontes apropiadas”. Tamén recolle a recuperación e síntese da información histórica e a conformación do territorio administrativo do concello, a través da consulta da bibliografía e das fontes correspondentes, como son os fondos documentais e cartográficos de arquivos tales como o Arquivo Histórico Nacional, o Arquivo Xeral de Simancas, o Arquivo da Real Chancillería de Valladolid, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense, o Arquivo da Catedral de Ourense e o Arquivo Histórico Diocesano do Bispado de Ourense. O convenio tamén inclúe a asesoría, colaboración e, no seu caso, realización directa doutras investigacións de carácter histórico ou arqueolóxico que poidan acontecer no termo municipal, sempre que sexan de interese mutuo entre as partes.

Neste primeiro proxecto, financiado con 4000 euros polo Concello de Oímbra, participarán desde a Facultade de Historia do campus de Ourense a investigadora Beatriz Comendador, especialista en Prehistoria e Historia Antiga, e Beatriz Vaquero e Francisco Javier Pérez, especialistas na etapa Medieval e Moderna. Segundo explicou Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, con este convenio dáse un paso máis na dinámica do persoal investigador do seu centro de interacción cos concellos. Se ata o de agora, explicou, esta interacción estaba centrada nas escavacións arqueolóxicas, este proxecto céntrase “na información documental, no coñecemento a través das fontes”, levando a cabo “un labor detectivesco” no que se parte “dunha páxina en branco e a ver que atopamos da historia de Oímbra”.

Un marco para a colaboración

Alén deste convenio específico, as dúas institucións contan desde este martes cun convenio marco de colaboración, froito do “interese común promover a cooperación e a colaboración para o desenvolvemento científico e tecnolóxico, procurando unha aplicación práctica do coñecemento en proveito da sociedade”. O propósito deste convenio marco é realizar actividades e proxectos en forma conxunta en todo tipo de asuntos que resulten de interese para as institucións implicadas, como poden ser proxectos de investigación ou organización e realización de actividades. Para o seu desenvolvemento constituirase unha comisión mixta.