DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha serie de reunións con responsables de Xerencia e da Vicerreitoría de Investigación

O persoal investigador coñece as melloras e novidades económicas para o desenvolvemento do seu labor

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 16/03/2010

Máis dun cento de investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo tomaron parte nas reunións celebradas nos tres campus nas que responsables de Xerencia e da Vicerreitoría de Investigación trasladáronlles unha serie de melloras e novidades económicas destinadas ao desenvolvemento do seu labor. O novo calculador de custos de persoal para proxectos e contratos de investigación e o novo contrato- programa para grupos e agrupamentos de investigación centraron as exposicións realizadas durante tres días pola xerente Ana Fernández Pulpeiro e a vicereitora de Investigación, Elsa Vázquez que acompañadas polo director de programas de transferencia, Lorenzo Pastrana e o vicexerente de Planificación e de Xestión de Investigación, Alberto Baz, tamén resolveron as dúbidas do persoal investigador respecto de cuestións como a aplicación da dedución do IVE en investigación.
“Nas sesións nas que tomaron parte sobre todo os investigadores e investigadoras principais dos grupos”, explica a xerente da Universidade de Vigo, Ana Fernández Pulpeiro, “tratamos de achegarlles unha serie de cuestións de carácter económico que afectan ao desenvolvemento do seu traballo coa finalidade de facilitarlles a comprensión e resolver as dúbidas que puidesen ter ao respecto”. Estas reunións, segundo apunta a xerente, encádranse nas melloras na xestión de investigación que están a desenvolver a Vicerreitoría de Investigación e a propia Xerencia coa finalidade “contribuír eficazmente a que o persoal investigador poida centrarse nas actividades de investigación e non en labores de xestión”.

Calculador de custos de persoal e novo contrato programa para grupos e agrupamentos

O novo calculador de custos de persoal para proxectos e contratos de investigación foi unha das cuestións abordadas nas reunións nas que se lle trasladou ao persoal investigador a utilidade desta ferramenta que permitirá coñecer de forma sinxela o custo laboral dun contrato centro dun proxecto ou dun contrato de investigación. O calculador ao que se ten acceso a través da Secretaría virtual permitirá diminuír o tempo de tramitación e aumentar a seguridade nos cálculos.
En canto ao novo contrato-programa para grupos de investigación, nas reunións se destacaron aspectos como súa duración de 3 anos con posibilidade de prórroga o seu financiamento con recursos libres dos que dispoñan o grupo ou os investigadores cun mínimo ao ano de 12.000 euros. Este contrato que poderá ser por grupo de investigación ou agrupamento permitirá, segundo Ana Fernández Pulpeiro, “que dun xeito gradual os grupos de investigación aparezan no orzamento da Universidade como verdadeiros centros de gasto”.

Xestión do IVE

Outra das cuestións tratadas nos encontros celebrados nos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo foron as xestións realizadas por Xerencia o pasado ano coa facenda pública e que permiten este ano proceder á dedución total do IVE soportado en todos os gastos de investigación. “Os investigadores disporán dun maior poder adquisitivo cos fondos de investigación”, explica a xerente que sinala que a Universidade facilitará inmediatamente aos equipos de investigación os importes que posteriormente recuperarán ao presentar as declaracións do IVE.
No encontros mantidos co persoal investigador Ana Fernández Pulpeiro tamén lembrou a reclamación realizada por Xerencia á Axencia Tributaria polo IVE ingresado indebidamente nos exercicios 2005, 2006, 2007 e 2008, así como pola devolución correspondente ao exercicio 2009, por un importe total que se aproxima aos 9 millóns de euros.