DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun estudo financiado pola Deputación de Pontevedra, que desenvolve o grupo FS1

Persoal investigador de Fisioterapia analiza os efectos do exercicio terapéutico no benestar psicolóxico das vítimas de violencia machista

Avalían o seu impacto na sintomatoloxía asociada coa depresión e a ansiedade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 23/01/2024

Ansiedade, depresión ou estrés postraumático son algunhas das patoloxías ás que poden ter que enfrontarse as vítimas de violencia machista e fronte as que, ademais do tratamento farmacolóxico e psicolóxico, tamén pode ser de apoio a fisioterapia. Avaliar os efectos dunha intervención baseada en exercicio terapéutico no benestar psicolóxico dun grupo de vítimas é o obxectivo do estudo que leva a cabo o grupo de investigación en Fisioterapia Clínica (FS1), co financiamento da Deputación de Pontevedra, no marco dun programa de axudas para o desenvolvemento de iniciativas investigadoras.

Coordinado polo investigador Lorenzo Justo, o proxecto susténtase na fisioterapia en saúde mental, unha especialidade “que engloba un amplo número de técnicas dirixidas directamente á mellora dos trastornos mentais”, como salientan desde o grupo de investigación que coordina Eva María Lantarón, desde o que lembran tamén que as e os fisioterapeutas “están integrados en equipos de saúde mental” en países como Inglaterra, Noruega, Bélxica ou Suecia. De feito, “existen amplos antecedentes” dos beneficios do exercicio terapéutico no tratamento de persoas que padecen depresión ou trastornos de ansiedade, mais, como subliña Justo, “cremos que este é o primeiro estudo” que pon o foco nos seus efectos en vítimas de violencia machista. Desenvolvido coa colaboración dos Centros de Información á Muller (CIM) de Pontevedra e Poio, no proxecto Efecto dunha intervención de fisioterapia baseada en exercicio terapéutico sobre o benestar psicolóxico de mulleres vítimas de violencia de xénero participan, ademais de Justo e Lantarón, as investigadoras do grupo FS1 Rocío Abalo, Iria Da Cuña, Mercedes Soto e Yoana González, e conta coa colaboración da psicóloga e profesora da UVigo Laura Redondo e das psicólogas dos CIM de Poio e Pontevedra, Lidia Fazanes e Rosa Campos.

Sesións guiadas e a distancia

O proxecto “consiste nun ensaio clínico” dirixido a analizar o efecto dun “programa de exercicios terapéuticos”, pautados por un ou unha fisioterapeuta, desenvolvido ao longo do longo de oito semanas, con dúas sesións semanais dunha hora, nas que realizan unha serie de exercicios aeróbicos, de forza e de mobilidade. As participantes neste proxecto dividíronse á súa vez en dous grupos, dos que un realizou o programa de xeito presencial, guiados por unha profesional, mentres que outro facíao de xeito individual nas súas casas. “O programa de exercicios é exactamente o mesmo. O único que cambia é a presenza da fisioterapeuta”, sinala Justo, que explica que esta investigación busca tamén coñecer se o programa presencial supuña unha maior mellora en materia de benestar psicolóxico. Completadas xa as sesións de exercicio, o estudo atópase actualmente na fase de análise de resultados, na que se valoran un conxunto de “variables psicosociais” relacionadas co benestar psicolóxico e coa “sintomatoloxía asociada coa depresión e a ansiedade”. 

Nese senso, “nunha análise preliminar vimos que a atención presencial tivo maior adherencia que o exercicio domiciliario”, recoñece o investigador, que incide, non obstante, no interesante de explorar tamén as posibilidades da “telerehabilitación”, como unha “alternativa naquelas situacións onde a presencialidade non sexa posible”. De feito, as participantes que realizaron o programa a distancia fixérono cunha ferramenta informática que permite o pautado de exercicios nun dispositivo móbil así como “realizar correccións e un rexistro da actividade realizada”. 

Presentado hai unhas semanas no XVII Congreso Nacional de Fisioterapia, o proxecto recibiu “un feedback moi positivo das participantes”, recoñece Justo, que explica que o obxectivo do grupo FS1 é poder seguir traballando nesta liña no futuro, “para obter máis resultados e poder implantar medidas que beneficien a este colectivo”. 

Financiado pola Deputación de Pontevedra

Este proxecto insírese no programa de axudas para o desenvolvemento de iniciativas investigadoras promovidas por persoal investigador dos campus de Vigo e Pontevedra, financiado pola Deputación de Pontevedra. Resultado dun convenio entre o ente provincial e a institución académica, trátase dunha convocatoria dirixida a apoiar investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia, na que se financiaron un total de oito proxectos, cinco deles liderados por investigadores do campus vigués e outros tres do de Pontevedra.