DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co obxectivo de estreitar e reforzar a colaboración neste eido

Persoal investigador da UVigo e do CSIC crean unha Unidade Asociada sobre Comunidades Microbianas de Solos

Participan membros do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación e da Misión Biolóxica de Galicia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cooperación
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 30/01/2024

Persoal investigador do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da Universidade de Vigo e da Misión Biolóxica de Galicia, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), poñen en marcha a Unidade Asociada Comunidades Microbianas de Solos. O seu obxectivo é, durante os próximos tres anos, estreitar a colaboración no estudo da optimización do sistema solo-comunidade microbiana-planta e implementar solucións baseadas na natureza para a xestión sostible dos ecosistemas agrícolas e forestais.

Concretamente, a súa posta en marcha prodúcese despois de que o Consejo Superior de Investigaciones Científicas, que dispón da figura de Unidade Asociada para colaborar con outras institucións en áreas comúns ás dos seus institutos, concedeu, por resolución da súa presidencia, esta condición, a través da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), a Comunidades Microbianas de Solos, da Universidade de Vigo. O investigador responsable da Unidade Asociada é David Fernández Calviño, director do citado Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, e a responsable do CSIC nela é Montserrat Díaz Raviña, investigadora científica na MBG e xefa do grupo Bioquímica e Calidade de Solos.

Segundo explican, esta unidade permitirá reforzar a capacidade investigadora dos dous grupos de investigación implicados: Bioquímica e Calidade do Solo (MBG), que “veu desenvolvendo unha longa traxectoria de investigación de excelencia” en bioquímica, calidade e conservación de solos, con especial énfase no manexo sostible e a recuperación de solos agrícolas e forestais; e o Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Facultade de Ciencias (do campus de Ourense-UVigo), cunha dilatada experiencia nos procesos de degradación, absorción e desorción de contaminantes en solos agrícolas de Galicia. “A confluencia destas liñas de investigación en ámbitos de estudo complementarios, reforzada por unha multidisciplinaridade dos investigadores integrantes destes dous grupos de diferentes institucións, constitúe unha sólida base inicial para a Unidade Asociada”, sinalan os promotores da iniciativa. Como exemplo do que se inicia agora destacan que “os equipamentos de investigación de cada grupo poderán obter un rendemento maior, permitindo abordar problemáticas de investigación máis complexas, nun ámbito de traballo máis compartido, e dunha maneira máis integrada. Ademais, facilitarase o intercambio de investigadores entre ambos os grupos”.

Colaborando desde 2016

A colaboración entre os grupos de ambas as institucións, que agora se verá reforzada coa Unidade Asociada, remóntase a 2016, cando o grupo Bioquímica e Calidade do Solo, sinalan desde o CSIC, iniciou unha liña de investigación relativa á dinámica de contaminantes emerxentes, tales como os antibióticos, en solos agrícolas e os seus efectos sobre o sistema solo-planta, con especial fincapé na ecoloxía microbiana. “Para ser máis competitivos nesta liña iniciamos unha colaboración cos grupos do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo da Facultade de Ciencias da UVigo (campus Ourense) e do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola, da Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela (campus Lugo)”, lembran.

Desde entón, indican David Fernández e Montserrat Díaz, os dous grupos estiveron colaborando “de forma frutífera, o que se plasmou na execución de dous proxectos nacionais de investigación coordinados, titulados Problemas ambientais derivados da presenza de antibióticos de uso veterinario no solo e Antibióticos de uso humano en zonas agrícolas tratadas con lodos de depuradora e estratexias de control usando bioadsorbentes: degradación e efectos nos microorganismos. A estes proxectos únense dous actualmente en curso: Redución de insumos (fertilizantes e pesticidas) e incremento da biodiversidade do solo en cultivo de pataca. Estratexias naturais para a transición a unha agricultura máis resiliente e sostible e Implicacións ambientais e agrícolas dos nanoagroquímicos: novos retos cara unha produción alimentaria sostible. Todos eles están financiados en convocatorias de concorrencia competitiva do plan estatal de investigación.

A figura das Unidades Asociadas

As entidades susceptibles de ter esta figura de Unidade Asociada ao CSIC son os departamentos, laboratorios, grupos de investigación ou outras estruturas de I+D+i, pertencentes a universidades, organismos de investigación, centros tecnolóxicos e calquera outras institucións ou entidades de carácter público ou privado, sen ánimo de lucro, que estean a desenvolver actividades científicas ou tecnolóxicas en áreas comúns, afíns ou complementarias ás dun ou máis institutos do CSIC e manteñan con este unha relación estable de cooperación científica. Deste xeito, non é esta a primeira das unidades postas en marcha entre persoal investigador do CSIC e do campus de Ourense. Así, membros do Departamento de Física Aplicada da UVigo participan na Unidade Asociada Modelización e Simulación de Materiais Nanoestruturados e membros de EphysLab (Environmental Physics Laboratory, CIM-UVigo) na unidade Grupo de Física da Atmosfera e do Océano.