DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas de asesoramento que este venres se desenvolveron na EE Forestal

O persoal de orientación dos institutos coñece a oferta formativa da UVigo e as novidades da ABAU

Entre elas, o novo calendario de chamamentos e matrícula

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Pontevedra 24/02/2023

Co obxectivo de achegar aos orientadores e orientadoras dos centros de secundaria información tanto das probas da ABAU, como da oferta formativa da UVigo, a Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade e a Servizo de Información ao Estudantado (SIE) promoven nos tres campus unhas xornadas de asesoramento, que este venres se desenvolveron na Escola de Enxeñaría Forestal. Neste encontro, puideron coñecer de primeira man aspectos como as titulacións que a UVigo prevé incorporar o vindeiro curso ou coñecer os cambios no calendario de chamamentos e matrícula para o alumnado de novo ingreso tras a ABAU, que contará con cinco prazos no mes de xullo.

A apertura destas xornadas correu a cargo da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, que deu a benvida ás persoas participantes nun encontro que abriu o delegado da UVigo na CIUG, Iván Area. O representante da Comisión Interuniversitaria de Galicia sinalou que se ben a realización dos exames da ABAU, que se levarán a cabo entre o 6 e o 8 de xuño na convocatoria ordinaria, non presentará variacións con respecto ao ano anterior, si haberá cambios nos prazos de chamamentos e matrícula, á vez que se implantará un novo horario para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. 

Os trámites que o estudantado debe realizar para o seu acceso á Universidade centraron así mesmo a posterior intervención do persoal do SIE nunha xornada que pechou a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini. Fíxoo presentando, en primeiro termo, a oferta académica da Universidade de Vigo, dentro das que puxo o foco nas novas titulacións. Caparrini referiuse tanto aos dous novos graos implantados no presente curso, Intelixencia Artificial e Relacións Internacionais, como aos que está previsto pór en marcha no curso 2023/2024. "Aínda que non é definitivo” ata que se complete o proceso de verificación, explicou, a Universidade prevé que en setembro poidan arrancar tanto o Grao en Deseño como o Grao Dual en Automoción. Finalmente, Caparrini pechou estas xornadas presentando o conxunto de actividades para instituto que se promoven desde a Área de Captación de Alumnado a un persoal que, lembrou, exerce como “enlace” entre a Universidade e o estudantado de secundaria.

Novo calendario de chamamentos

Co obxectivo de “harmonizar o calendario co resto de distritos universitarios” que organizan as probas da antiga selectividade no conxunto de España, a CIUG aprobou para este 2023 uns prazos de “chamamentos e matrícula que cambian substantivamente” con respecto aos do ano anterior, segundo explicou Area nesta xornada. Concretamente, para aqueles e aquelas que soliciten a súa admisión na convocatoria ordinaria, a primeira listaxe de convocados e convocadas a matrícula nas diferentes titulacións do Sistema Universitario de Galicia publicarase o 11 de xullo, debendo formalizala entre os días 12 e 14. Xusto a continuación, o sábado 15, efectuarase o segundo chamamento, tras o que a matrícula terá que realizarse os días 16 e 17 de xullo. O terceiro chamamento terá lugar o día 19, con matrícula o 20 e 21, e o cuarto realizarase o xoves 24, con matrícula os días 25 e 26. A este prazo incorporaranse xa aqueles e aquelas que superen a ABAU na convocatoria extraordinaria de xullo, aínda que no acceso ás titulacións, explicou, teñen preferencia os que o fixeron na convocatoria ordinaria. Finalmente, o 28 de xullo efectuarase un quinto chamamento, con matrícula do 29 ao 31. A partir de aí, o sexto prazo de matrícula terá lugar xa do 2 ao 4 de setembro, tras a publicación do sexto chamamento o día 1. Tamén en setembro, explicou Area, está previsto que efectúen novas convocatorias “para aquelas titulacións que teñan vacantes”. 

Por outra banda, outra das novidades da ABAU 2023 será o novo horario para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, que contaba xa nas pautas de adaptación dos exames con 30 minutos adicionais para a súa realización. Non obstante, explicou Area, o feito de que ata o de agora tiveran que facelas no mesmo horario que o resto do estudantado provocaba que “quedasen sen descanso” entre varios dos exames. Nese senso, este nova horario fará que, por exemplo, inicien o primeiro exame da ABAU media hora antes que o resto do alumnado, á vez que poderán rematar o segundo 30 minutos máis tarde. Así acontece tamén co resto de materias, nas que unha serie de variacións co horario do resto do estudantado permitirán que dispoñan de 30 minutos de descanso entre todas as probas.

As xornadas trasládanse a Vigo o vindeiro venres

Estas xornadas de asesoramento arrancaron a pasada semana no campus de Ourense e desenvolveranse en Vigo o vindeiro venres 3 de marzo. Abertas a todo o persoal de orientación, que pode inscribirse a través dun formulario web, terán lugar, a partir das 10.00 horas, na aula 1 do edificio Redeiras.