DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vermello e branco son as cores dominantes

O persoal do Servizo de Deportes do campus estrea a súa nova equipación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Camino Carballeira DUVI 04/06/2009

Vermello e branco pero tamén notas de gris e negro priman na novas prendas deportivas que identifican ao personal do Servizo de Deportes do campus. Camiseta, pantalón, sudadeira e chuvasqueiro conforman a equipación que os monitores xa empregan nas instalacións deportivas de Pontevedra. Con esta equipación dase un paso máis no proceso de consolidación do Servizo de Deportes, que nos últimos meses viu ampliada a súa oferta e instalacións.

Equipación para unha área en expansión

A nova Área de Deporte e Saúde xa está a pleno rendemento, axudando aos membros da comunidade universitaria a gozar dunha mellora do seu estado físico. A área está integrada pola Unidade de Medicina Deportiva, que coordina Juan José Crespo, e a de Actividade Física Personalizada, dirixida por Pablo Díaz e ten marcha programas como En boa forma ou A correr. A seguridade de practicar deporte baixo a supervisión de profesionais dos dous ámbitos é o maior beneficio do que xa gozan moitos membros da comunidade universitaria. A primeira intervención que se realiza ao entrar na Área Deporte e Saúde é unha revisión médica básica para comprobar o estado dos usuarios e deseñar en base a ela un programa de actividade física.
Para levar a cabo ese programa, os usuarios dispoñen de todas as instalacións deportivas do campus entre as que se atopa unha completa sala de cardio-fitness, inaugurada a comezos de ano. Cunha inversión de máis de 35.000 euros en equipación, a sala conta con todo tipo de máquinas desde bancos abatibles, multipower de discos e tren de poleas, ata remo-ergómetro, barra olímpica, barras de alzamentos, bicicletas elípticas e magnéticas, prensa horizontal, press de ombros e flexión e extensión de pernas.