DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo os datos que se deducen dos recoñecementos médicos realizados a PAS e PDI

O persoal da Universidade, cunha saúde por riba da media española

A dor de costas é o síntoma estrela; en cambio, reducíronse os índices de colesterol, exceso de peso

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 07/02/2012

Identificar problemas de saúde ou lesións de orixe profesional e avaliar posibles intervencións preventivas. Ese é o obxectivo da Vixilancia da Saúde Laboral que recolle a Lei de Prevención de Riscos Laborais, que obriga a todos os centros de traballo a realizar recoñecementos médicos aos empregados que o desexen e que na Universidade de Vigo serviu para facer unha radiografía da saúde do Persoal de Administración e Servizos (PAS) e do Persoal Docente e Investigador (PDI). Os resultados, mellor do previsto, xa que amosan unha evolución positiva dende que se puxo en marcha o centro propio da Sociedade de Prevención de Fremap no campus en 2008. A doenza máis frecuente entre os pacientes, a dor de costas.

A principal conclusión foi que o nivel de saúde mellorou nos últimos catro anos. Aínda que segue habendo unha importante porcentaxe de alteracións analíticas nas 831 persoas que pasaron o recoñecemento médico no 2011 (50,2%), as doenzas conseguiron reducirse en sete puntos dende 2008, onde pasaron pola consulta 689 traballadores. “As actividades preventivas, como revisións ou analíticas, son importantes na saúde laboral e na detección precoz de determinadas enfermidades. E o máis eficiente nos adultos é valorar a tensión arterial cada dous anos, a glucemia, o colesterol, o peso e o perímetro de cintura cada tres ou cinco anos”, subliñou Juan José Crespo, responsable da Unidade Médica da Área de Deporte e Saúde da Universidade de Vigo e especialista en Medicina do Traballo e en Medicina da Educación Física e do Deporte.

Ollo co colesterol

Segundo os datos que reflicten estes recoñecementos médicos levados a cabo no propio campus e nos centros dispostos en Torrecedeira, Ourense e Pontevedra, o maior problema do persoal da Universidade de Vigo é o sobrepeso, xa que tres de cada 10 pacientes estaban por encima do que lle correspondía. Sen embargo, esta cifra é inferior á do ano 2008 (35,3%) e está moi lonxe do persoal que presenta síntomas de obesidade (9,3%). Outra das doenzas máis comúns desvelada nas analíticas foi a hipercolesterolemia, xa que o 30,4% dos recoñecidos presentou un exceso de colesterol, dous puntos menos que hai catro anos. En canto a hábitos de consumo, aínda que se detectou un descenso no número de fumadores (baixou do 15,7 ao 14,7%), aumentou o de persoas que inxiren bebidas alcohólicas de xeito esporádico ou habitual, pasando do 61,2% no 2008 a un 66,7% o ano pasado.

Estas cifras deixan ao cadro de persoal da Universidade cunha saúde por riba da media española comparando cos datos extraídos da Enquisa Europea de Saúde en España 2009. A institución viguesa reduce á metade a taxa de traballadores con obesidade e que consumen tabaco, ademais de estar seis puntos por debaixo da media nacional en cuestión de exceso de peso e 10 puntos no caso de colesterol alto. “Os datos son mellores, pero non podemos quedar aí”, recalca Crespo. “O máis importante é evitar a aparición de enfermidades: é o máis eficiente e o que ten menor custe, pero ademais e que practicamente o 80% das patoloxías, sobre todo laborais, están no ambiente e nos estilos de vida”, conclúe.

Mens sana in corpore sano

Para ter unha saúde laboral óptima é imprescindible empregar os medios adecuados nos postos de traballo onde son necesarios (luvas, gafas, mascarillas, campás de extracción...), manipular cargas do xeito adecuado, ter unha posición ergonómica, facer as pausas adecuadas nos traballos sedentarios ou estresantes e, sobre todo, adoptar un estilo de vida saudable. O doutor Crespo recomenda ter unha alimentación axeitada; acumular entre 30 e 60 minutos de actividade física moderada entre cinco e sete días á semana; evitar o consumo de tabaco e drogas; evitar o abuso ou consumo excesivo de alcohol; conducir dun modo seguro, xa que os accidentes de tráfico son frecuentes en este sector (14,1%); ter un sono reparador dun mínimo de 6 horas; e favorecer as boas relacións sociais e laborais. “As máquinas máis importantes son as persoas, por iso poñer en forma a nosa saúde é un bo propósito para o 2012”, recomenda.