DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 15% do alumnado do Grao en Dirección e Xestión Pública traballa nas administracións

O persoal da Universidade volve ás aulas

Tras dous meses de clase, o novo estudantado fai un balance “moi positivo” da experiencia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 02/11/2012

Nunca é tarde para volver a estudar e máis se é na institución na que se traballa. Varios membros do Persoal de Administración e Servizos da Universidade asumen un dobre papel dende este curso dentro da institución, o de traballadores pero tamén o de alumnos, decidindo matricularse este ano no Grao en Dirección e Xestión Pública co obxectivo de mellorar as súas competencias profesionais no eido da administración. Dous deles, Luis Torres e Antonio Vázquez, fan un balance “moi positivo” da experiencia tras dous meses nas aulas.

PAS do campus de Pontevedra, Torres e Vázquez decidiron inscribirse neste grao impartido da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación pola compatibilidade horaria, xa que as clases de tarde permítenlles cursar a meirande parte das materias impartidas. “A modalidade semipresencial axúdanos a compaxinar as dúas cuestións e aínda que perdemos algunha lección polas nosas responsabilidades laborais, sempre a recuperamos grazas ao apoio do profesorado e dos compañeiros e compañeiras”, explica Luis Torres, persoal da Escola de Enxeñaría Forestal. O certo é que o grao, tal como apunta o seu coordinador Celso Cancela, “contempla unha oferta formativa moi idónea para os empregados públicos en xeral”, actualizando as súas competencias profesionais para unha posible promoción interna e revertendo nunha mellora dos servizos da administración.

Unha titulación atractiva para o persoal das administracións

Tanto Luis Torres como Antonio Vázquez recomendan a experiencia ao resto de compañeiros e compañeiras de profesión a pesar do esforzo persoal que supón compatibilizar o horario laboral coas clases. “Sacrificamos tempo de ocio sobre todo, pero compénsanos co que estamos aprendendo”, matiza Torres, o que pon de manifesto que “a aprendizaxe non entende de idades e que calquera momento é bo para ampliar coñecementos”, destacan os dous membros do PAS, que recoñecen levarse “moi ben” cos seus novos compañeiros de clase a pesar das diferenzas de idade. “Déixannos os apuntes e todo o que nos faga falta e tamén nos convidan a todas as ceas que organizan”, comentan Vázquez e Torres que tamén forman grupo co resto de alumnado que traballa nas administracións públicas, os que representan sobre un 15% do total da matrícula do grao. “Na súa meirande parte son funcionarios e funcionarias do eido local, unha porcentaxe que se incrementa se consideramos o estudantado que procede do sector privado”, engade Celso Cancela.

Nestes dous meses de clase, Torres e Vázquez confesan sentirse “sorprendidos” pola utilidade diaria dos coñecementos que están adquirindo, sobre todo os relacionados coa actualidade económica. “A flexibilidade horaria foi o que me animou a matricularme, pero agora estou máis que animado a continuar xa que estamos aprendendo conceptos que nos axudan a entender a conxuntura actual”, subliña Antonio Vázquez. O carácter pluridisciplinar do grao “achégalle ao alumnado capacidade de análise e interpretación global da realidade política e administrativa”, apunta Celso Cancela que engade que a experiencia práctica do alumnado que traballa na administración “enriquece notablemente as sesións presenciais”.