DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumno de Comunicación Audiovisual Julián Maguna dirixiu 'Narci', que se estreará o 10 de outubro

Persoas con discapacidade demostran o seu verdadeiro talento dando forma a unha curtametraxe

O cineasta catalán Agustí Vila atópase rodando nestes días en Vigo un documental sobre esta iniciati

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 05/09/2014

Dotalos dos coñecementos técnicos necesarios e animalos a dar renda solta a súa imaxinación. Iso é o que buscaba achegar a nove persoas con discapacidade a iniciativa Igual Arte Filim Project. Baixo a coordinación do estudante de Comunicación Audiovisual Julián Maguna leváronse a cabo, no centro ocupacional para persoas con capacidades diferentes Igual Arte de Vigo, uns obradoiros nos que estes nove alumnos aprenderon o necesario para encargarse do guión e a gravación de Narci, unha curtametraxe dirixida por Maguna. A experiencia resultou todo un proceso de “aprendizaxe mutua”, segundo destaca este estudante, que chamou a atención do director Agustí Vila, que nestes días grava en Vigo un documental sobre esta iniciativa.

“Case sen querelo, o proxecto creceu a pasos de xigante”, recoñece Maguna, que admite que o interese amosado por Vila, un cineasta premiado en festivais como o Karlovy Vary (República Checa), converteuse no “broche de ouro” a unha experiencia formativa iniciada meses atrás. Coa colaboración da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, “que foi de grande axuda ao prestarnos o material necesario para poder levar a cabo os talleres e a rodaxe”, o Igual Arte Film Project naceu “como un punto de encontro entre persoas sen experiencia en narracións audiovisuais e un equipo de profesionais de sector” que compartían un obxectivo, dar forma, man con man, a unha curtametraxe.

Coa idea de dotar aos que serían os seus futuros autores dos coñecementos técnicos necesarios, o proxecto comezou con dous obradoiros, impartidos por membros da asociación Samthing Visual, que preside Maguna. Cinco alumnos e alumnas participaron nun taller de guión, mentres que outros catro “formáronse en aspectos técnicos e aprenderon a manexar as cámaras, os focos...”. Non en van, se ao primeiro grupo lle correspondía idear a trama, o segundo ía situarse á fronte da rodaxe, coa colaboración de varios membros da asociación.

Unha curta que mira cara o ceo

“Aínda que eu sexa o director, a curtametraxe é o resultado do traballo deste grupo de alumnos”, recalca Maguna do proxecto que rodaron o pasado mes de xullo e que actualmente se atopa “en plena fase de posproducción” co obxectivo de estrealo o 10 de outubro no Auditorio Abanca de Vigo, no II Festival Artístico Igual Arte. Para a gravación da curta contaron coa “colaboración desinteresada” dunha longa serie de persoas, entre as que se atopan actores como Javier Gutiérrez, Celso Bugallo ou Uxía Blanco, ou a propia avoa do director, que interpreta un papel no filme. “A verdade é que estamos máis que satisfeitos co resultado”, recoñece Maguna, que adianta que Narci, “non deixará indiferente a ninguén, para ben ou para mal”. E aínda que para coñecer a historia haberá que agardar ao 10 de outubro, o seu director xa nos adianta a “premisa” da que partiu “un grupo único” de guionistas: “o ceo é grande, abarca moito espazo de punta a punta, mentres que a ras de chan, parece que as cousas están algo masificadas, que pouco a pouco os baleiros vanse enchendo e xa case non hai lugar para nada novo”.

A gravación dun documental pon o broche a un proxecto

De xeito paralelo á rodaxe da curtametraxe, o equipo do Igual Arte Film Project iniciou a gravación dun documental que completase e documentase o proxecto. Aquelas imaxes rodadas por outra alumna da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Alba Pedreira, fóronlle enviadas a Agustí Vila, “unha figura bastante importante dentro do mundo do cinema documental”, salienta Maguna. E o proxecto espertou o interese do director catalán, que decidiu encargarse el mesmo a peza que lle faltaba o proxecto. “A nosa idea sempre foi a de facer un documental, polo que para nós foi unha nova xenial”, recoñece Maguna, que nestes días axuda a Vila na rodaxe dun filme que levará o título de Susan, Verónica y Vero. Desde o 31 de agosto e ata o 14 de setembro, o realizador catalán atópase gravando na sede da Fundación Igual Arte un documental que afondará nas relacións persoais que se foron desenvolvendo entre os participantes nos obradoiros. Maguna colabora como axudante de produción e dirección, ademais de exercer tamén como actor e interpretarse a si mesmo nun filme no que Vila busca recrear de novo co alumnado dos talleres o proceso de xestación da curtametraxe.