DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na I Xornada de Deporte e Saúde participarán 300 persoas na Facultade de Ciencias da Educación e do

Persoas con discapacidade intelectual reivindicarán a igualdade de oportunidades na práctica deportiva

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
E.L. Castro DUVI 26/11/2009

Segundo diversos estudos, as persoas con discapacidade intelectual teñen un risco maior de padecer problemas como a obesidade, baixa condición física, deficiencias nutricionais, oculares ou auditivas. Tendo en conta esta realidade articúlase o programa da I Xornada de Deporte e Saúde, pensada para mellorar as aptitudes dos deportistas de cara á súa participación en eventos deportivos, pero tamén para a súa saúde xeral, que repercute na súa calidade de vida diaria. Así o indicou hoxe na presentación do evento que terá lugar o vindeiro sábado nas instalacións da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, quen sinalou que a organización entende o deporte como “un elemento de integración e socialización, non de humillación ao contrario, senón de estimulación para a superación”.
A xornada organizada pola Asociación Special Olympics Galicia, coa colaboración de Fademga Feaps Galicia, e promovida pola Universidade de Vigo, ten como lema Quero gañar, pero se non o consigo, deixádeme ser valente no intento, ten como finalidade fomentar a igualdade de oportunidades á hora de desenvolver unha práctica deportiva entre as persoas con máis dificultades para realizar actividades psicomotrices. Isto é unha necesidade prioritaria para os seus organizadores pois, como indicou David Evangelista, responsable de Special Olympics internacional, “existe un gran oco no deporte entre a sociedade xeral e as persoas con discapacidade intelectual”. Evangelista salientou a “coraxe” que amosa a poboación con “hándicap mental” ante os atrancos que atopan para a práctica da actividade física e o deporte. “A sociedade sempre lles di non, pero eles empéñanse en dicir si e a do sábado será unha xornada para dicir si”, proclamou, ao tempo que lembrou que o obxectivo da súa organización é “axudar globalmente, para actuar localmente”, asegurou.

300 participantes nun programa que inclúe saúde, fútbol sala e nordic walking

Na I Xornada de Saúde e Deporte, un evento pioneiro no ámbito estatal, segundo destacou Eladio Fernández, daranse cita 100 deportistas con discapacidade intelectual de dez asociacións de toda Galicia. Sumándolles voluntarios e integrantes da organización, adestradores, persoal da Cruz Vermella, protección civil, médicos, docentes, árbitros e representantes institucionais participarán en total na xornada máis de trescentas persoas.
A xornada abrirase cun desfile dos deportistas e un acto inaugural que contará coa presenza da conselleira de sanidade Pilar Farjas e do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a continuación comezarán as actividades, divididas en tres partes: programa de saúde, fútbol sala e iniciación ao nordic walking. No relativo ao programa de saúde os atletas poderán beneficiarse de dous programas promovidos por Special Olympics: Openig Eyes e Fun Fitness. O primeiro deles céntrase na valoración optométrica co obxectivo de mellorar a saúde ocular e as habilidades visuais dos atletas. O segundo, comprende a valoración físico-funcional a través de diferentes componente da condición física de como a flexibilidade, a capacidade cardiorrespiratoria e a forza, para prever e actuar ante as patoloxías no aparato locomotor.
No apartado da práctica deportiva, ao longo da xornada desenvolverase unha competición amistosa a cinco partidos de fútbol sala. Ademais haberá un encontro de probas motrices adaptadas, dirixido a atletas con limitacións severas que aínda non teñen a destreza física e condutual necesaria para participar nas modalidades deportivas de Special Olympics.
O nordic walking é un novo concepto de exercicio físico saudable que consiste en camiñar con tándem de marcha correcto, coa axuda de bastóns especialmente deseñados para esta actividade. Os participantes recibirán unha clase maxistral, polo que será posible realizar unha avaliación do seu equilibro durante a marcha mediante gravación videográfica antes e despois de ter practicado nordic walking, para analizar a súa eficacia como instrumento de axuda en atletas con déficits de locomoción. Esta actividade forma parte dun proxecto de investigación desenvolvido conxuntamente por Special Olympics e a Universidade de Vigo.

Convenio de colaboración e formación de voluntariado

A I Xornada de Saúde e Deporte é froito do convenio de colaboración subscrito pola Universidade de Vigo con Special Olympics Galicia para promover a cooperación e a colaboración enfocadas cara ao desenvolvemento científico e tecnolóxico. Paralelamente, e desde o ano 2008, o Departamento de Didácticas Especiais da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte desenvolve un proxecto de I+D+i con Special Olympics Galicia, cuxa finalidade é a elaboración dun manual para técnicos deportivos que interveñen en discapacidade intelectual. Neste sentido, o profesor Iván Martínez lembrou na presentación a vontade da Universidade de Vigo por establecer vínculos e relacións con outras entidades para traballar nunha mesma dirección.
O desenvolvemento desta primeira xornada require de persoal voluntario, polo que se realizará unha sesión previa de formación mañá venres entre o alumnado que decidiu participar nas tarefas de loxística e protocolo e na organización e supervisión da actividade de nordic walking, do campionato de fútbol sala e das probas adaptadas. A participación no evento poderá convalidarse por un crédito de libre elección.