DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No obradoiro sobre ‘Construción de bonecos articulados pensados para a animación’

Personaxes de plastilina que cobran vida

Impártese como formación complementaria do Máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 02/02/2011

Dar vida a algo inanimado. Este privilexio soamente está ao alcance de aqueles que dominen a técnica do que se fai chamar stop motion. O alumnado do Máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual, impartido na Facultade de Belas Artes, atópase esta semana descubrindo os seus “segredos” para crear unha animación cuxo protagonista sexa un personaxe elaborado a partir de plastilina. Trátase do obradoiro Construción de bonecos articulados pensados para a animación, explica José Chavete, coordinador do mestrado, que engade que “son clases complementarias ás establecidas no plan docente, impartidas por especialistas na materia e que permiten afondar na aplicación máis práctica dun mundo que está en desenvolvemento en Galicia”.

Durante esta semana os vinte alumnos e alumnas do primeiro ano do mestrado serán quen de realizar unha peza de animación comezando polo deseño do personaxe que cobrará vida. O proceso de creación esixe en primeiro termo a elaboración dun esqueleto de arame arredor do cal se esculpe en plastilina ou noutro material similar o corpo do boneco, “dándolle forma e modelándoo ao mesmo tempo”, aclara Minia Martínez, alumna do mestrado. É importante definir desde un principio as partes do corpo van ser animadas e cales non “para colocar sen ningunha dúbida as partes ríxidas e as partes brandas, que son as que se van a mover”, apunta Minia. Unha vez definido o movemento do personaxe procédese “a darlle vida” que se consegue fotografando o obxecto tras un pequeno movemento de xeito que haxa unha mínima diferenza entre unha fotografía e a seguinte porque “canto máis imperceptible sexan os cambios entre foto e foto, máis detallada será a animación”. O stop motion é unha técnica que implica unha grande dedicación e un alto grao de paciencia, pois como indica Minia Martínez, “son obradoiros moi amenos e entretidos pero esixen moita concentración, sempre tes que estar pensando no que estás facendo e ás veces chega a ser bastante frustrante”. Unha vez finalizado o proceso fotográfico queda a montaxe, “na que empregaremos o Final Cut”, explican os alumnos.

Este curso complementario no Máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual non é unha práctica illada, pois proximamente se vai impartir outro obradoiro sobre moldes e siliconas para “poder facer copias de figuras, tamén pensado para a animación”, explica o coordinador. Recalca a importancia deste tipo de formación máis práctica que ao mesmo tempo “é moi cara e non nos vería mal que algunha empresa financiase parte desta docencia”.

Limitación de horas

Este mestrado ofrece unha oferta acádemica baseada en dous eixos principais, por un lado, os fundamentos da animación e por outro, a ilustración para libro infantil, acadando gran peso o coñecemento e dominio de programas informáticos de deseño, maquetación e montaxe como o Adobe Indisign, Photoshop, Final Cut ou After Effects. Porén, Chavete subliña que “son moitos programas para moi pouco tempo, xa que quince horas semanais non permiten un coñecemento tan fondo como sería necesario”.

O Máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual conta cunha porcentaxe importante de alumnos estranxeiros habendo “estudantes latinos, hindúes, árabes e algúns quedaron fóra por problemas co visado”, apunta Chavete. Preguntado polo período de prácticas do mestrado, o coordinador admite que tivo certos problemas para contactar coas empresas, “por un lado porque no sector audiovisual están pechando moitas e, por outro, porque nas editoriais non queren xente de prácticas”. Aínda así xa ten asinados oito convenios con empresas galegas e recoñece que “a edición de libros para internet, os coñecidos e-books estase a converter nun novo campo de especialización e de traballo”.