DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense continúa coa celebración do 8 de marzo cunha mesa sobre a igualdade no audiovisu

Personaxes de serie pero mulleres reais

Coa participación das actrices Camila Bossa, Mayka Brañas e Mariana Carballal e da docente Anna Amor

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 09/03/2012

A presenza da muller nas series de ficción, os papeis que se lle adxudican e a imaxe deste xénero que transmiten é un tema sempre posto en tea de xuicio desde o eido feminista. Para dar unha visión desde o punto de vista das actrices, Camila Bossa, Mayka Brañas e Mariana Carballal participaron este venres nunha mesa redonda no campus de Ourense celebrada co gallo do Día Internacional da Muller o 8 de marzo. Con moitas cousas por mellorar e sen igualdade conquerida, coincidiron en romper unha lanza a favor do audiovisual galego e en recoñecer o esforzo que fai por representar un abano diverso de mulleres.

“Nesta mesa queremos reflexionar sobre o papel das mulleres no eido audiovisual, diante e detrás das cámaras, pois é fundamental coñecer como se visibilizan ás mulleres no cine e na televisión para avanzar na igualdade”. Con estas palabras María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, comezaba presentando a redonda A muller na ficción televisiva galega. Trala súa presentación, Anna Amorós, profesora da Universidade de Vigo, foi a encargada de facer un percorrido pola historia das series de ficción propias, desde os seus inicios en 1956 co nacemento de TVE ata o boom desde os anos noventa. Neste percorrido, Amorós advertiu de como hai que agardar ata o a última década para ver como o protagonismo pasa de ser unicamente masculino a ser máis coral, coa entrada da muller dun xeito secundario.

O que o público quere

Tras este repaso foi o quenda das actrices. Moi coñecida pola súa participación en numerosas series galegas, como Mareas Vivas ou Matalobos, Camila Bossa criticou o feito de que “pasados os 35 anos parece que as actrices deixamos de existir” e "a infantilización da muller nas series”, empregando actrices moi novas para representar papeis que por idade corresponderían a persoas de máis idade. A actriz, que bota de menos papeis femininos máis elaborados, salientou que a ela gustaríalle facer papeis de “mulleres máis reais”. A pesares desta dificultades quixo salientar que no audiovisual galego, coas súas eivas e limitacións económicas, “ves xente bastante real na pantalla” e que se fai un esforzo por dar entrada a un abanico diverso de mulleres.

Para entender as orixes desta situación, Mariana Carballal, que ademais de directora e actriz é docente da Universidade de Vigo, advertiu que a industria audiovisual “é industria, non arte” e que polo tanto actúa por uns criterios de rendibilidade que fan que ofreza un produto acorde coa súa audiencia, que no caso da TVG é maioritariamente persoas maiores que queren ver xente real coa que poder identificarse. Unha identificación que a actriz Mayka Brañas considera fundamental para entender o éxito do seu papel de Sara en Libro de Familia.

A programación continúa

Con esta mesa dáse continuidade á programación organizada no campus de Ourense co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller. A vindeira semana os actos continuarán con obradoiros e conferencias sobre os roles feminino e masculino e o ser andróxino, coa exposición Con A de astrónomas e cunha xornada sobre Clara Campoamor a cargo de María Teresa Arias Bautista e da película Clara Campoamor, la mujer olvidada, no marco do ciclo Pioneiras.