DUVI

Diario da Universidade de Vigo

María del Pilar Iglesias falou este luns no campus sobre a visibilización da muller nas exposicións

A perspectiva de xénero non é unha peza de museo

Nun acto organizado pola Área de Antropoloxía Social e a Unidade de Igualdade da Universidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 01/04/2013

Visibilizar e recoñecer o papel das mulleres é unha materia pendente en practicamente todos os eidos da sociedade. Para falar da situación no caso concreto dos museos e da súa acción cultural, este luns, María del Pilar Iglesias, especialista en didáctica museográfica, ofreceu unha conferencia no campus de Ourense nun acto organizado pola Área de Antropoloxía Social e a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. No seu repaso por algúns dos principais centros deste tipo existentes en Galicia, a técnica foi evidenciando as diferentes formas en que a muller está ausente na estrutura e no discurso destas entidades.

Fátima Braña, docente da Universidade de Vigo, foi a encargada de introducir ao alumnado asistente a esta cuestión, destacando “a importancia de que o discurso dos museos se analice tamén desde a perspectiva de xénero, non só desde o seu contido artístico ou valor patrimonial”. A antropóloga tamén quixo salientar a relevancia de que se aborde especificamente a igualdade nas diferentes materias que se imparten nas aulas universitarias con iniciativas coma esta, que permite aos asistentes reflexionar dun xeito consciente sobre o papel da muller en diferentes espazos.

Casos en positivo e en negativo

Durante a súa conferencia, María del Pilar Iglesias foi debullando en base a exemplos concretos como a perspectiva de xénero aínda está, en xeral e salvo excepcións concretas, ausente neste eido. A técnica fixo un repaso polas mostras de centros de referencia deste tipo na comunidade autónoma, como son os museos de titularidade estatal pero cuxa xestión está transferida á Xunta de Galicia, como é o caso do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Museo Etnolóxico de Ribadavia, o Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela ou o Museo de Belas Artes da Coruña. “Á hora de analizar o discurso dos museos son moitas as variables a ter en conta, desde o contido das exposicións ata quen doou ou comprou as pezas. Pero en todo caso, o fundamental é preguntarse cal é a mensaxe que quere transmitir ese museo á sociedade”, destacou Iglesias. A técnica quixo facer fincapé no feito de que hai que ser conscientes de que estes centros tamén comunican cunha intencionalidade, que as pezas se elixen ou se descartan por uns motivos e que as eleccións non son casualidade e teñen un valor.

Segundo explicou esta experta en didáctica, nunha ollada ao cadro de persoal destes centros de titularidade estatal xa se observa unha primeira situación vinculada coa perspectiva de xénero e é que, sendo maioritaria a presenza feminina nos seus cadros de persoal, 16 mulleres fronte a oito homes, só unha delas dirixe un dos centros, concretamente Ángeles Pena, que está ao fronte do Museo de Belas Artes da Coruña. “Hai máis mulleres traballando pero a dirección está en mans dos homes”, apuntou. Con esta situación de partida, a técnica foi debullando exemplos concretos nos diferentes museos que deixan testemuño de casos nos que a perspectiva de xénero se fixo patente ou non á hora de elaborar o discurso dunha mostra. Deste xeito, os asistentes puideron ver como nalgúns casos cando se fala de oficios tradicionais se obvian aqueles nos que as mulleres tiñan un papel destacado ou non fan constar que as mulleres tamén realizaban esas tarefas. Tamén puideron ver como á hora de convidar a profesionais a dar a súa visión dun determinado tema, en moitas ocasións a balanza de autores é claramente masculina. Pola contra, durante a conferencia tamén se destacaron actuacións nas que claramente se adoptou unha perspectiva de xénero, destacando o protagonismo de mulleres ou abordando temáticas centradas no seu papel en determinados eidos.