DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O director xeral de Área do Grupo Pescanova participou no Ciclo de Conferencias de Alta Dirección

Pescanova ou como a internacionalización pode facer que unha empresa medre en tempos de crise

A multinacional galega aumentou o seu beneficio en 2011 un 34,4% grazas á súa proxección transfronte

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 15/03/2012

Onde reside o segredo para que, en tempos de crise, unha empresa creza por riba do 30%? Esta pregunta, no caso de Pescanova, ten unha resposta clara: na internacionalización. Así o explicou o seu director xeral de Área, César Real, na segunda xornada do Ciclo de Conferencias de Alta Dirección organizado pola Universidade en colaboración co Círculo de Empresarios de Galicia.

Segundo explica na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais o responsable de Pescanova, “a internacionalización non é un fin en si mesmo, pero o desenvolvemento internacional é necesario para asegurar a continuidade da empresa”. E as cifras da multinacional galega danlle a razón: 1670 millóns de euros de facturación en 2011, o que supón un crecemento do 6,3% respecto ao 2010. Os datos responden ao incremento da internacionalización do negocio, que representa o 52% da facturación total estando presentes en 24 países de todo o mundo. E é que na filosofía da empresa, dende a súa fundación, está a proxección internacional que se basea nunha teoría clave: “máis dun país por especie; máis dunha especie por país e máis dun mercado por produto”, incide César Real. Isto achega seguridade á empresa, pero tamén capacidade de predición e de innovación, xa que “con presenza en países máis avanzados podemos coñecer antes que a competencia os comportamentos dos mercados ou as innovacións tecnolóxicas, por exemplo”.

A internacionalización, no ADN

Pescanova é o quinto grupo mundial de alimentación centrado na proteína mariña e conta cunha vantaxe “da diversificación con diferentes especies, diferentes produtos, diversos niveis de elaboración dos mesmos, desenvolvemento da acuicultura, caladoiros en múltiples mares e varios mercados”.

A empresa galega naceu en 1960 da man dunha idea, dunha innovación proposta polo seu fundador, José Fernández: a conxelación a bordo dos barcos. Esta foi a clave do triunfo de Pescanova, pero o seu fundador tiña clara outra premisa, a presenza internacional, tanto nos caladoiros, naquel momento sen propiedade clara, como nos países. “Esa integración nos estados que posuían os recursos deunos unha posición de vantaxe e permitiunos unha presenza a longo prazo”, apunta Real. Para Pescanova, este proceso de internacionalización ten que ser completo, non é suficiente con exportar ou buscar socios internacionais, senón que consideraron sempre a implantación noutros mercados, “porque internacionalizarse é buscar recursos, buscar mercados e buscar tecnoloxías” pero subliñou que sendo sempre sostibles e eficientes, “porque traballamos con recursos naturais que son renovables e non podemos sobreexplotar”. Neste sentido o representante da empresa subliñou que "non podemos nin debemos tolerar empresas que dean perdas, porque iso supón que malgastan recursos e man de obra, cando as empresas deben empregar eses recursos para xerar excedentes, para producir riqueza e crear valor".

Foro Universidade-Empresa

Esta segunda edición do Ciclo de Conferencias de Alta Dirección é froito dunha colaboración estable entre Universidade e Círculo de Empresarios: o Foro Universidade-Empresa. A través desta ferramenta trátase de “achegar o tecido empresarial á institución académica e proxectar tamén o que se fai na Universidade cara fóra”, como explica o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Santiago Gómez. Xunto con el participou nesta xornada Jesús Bahíllo, director do Club Financiero, que incidiu na importancia de estreitar estes lazos como o fan “as universidades anglosaxonas, o que repercute nunha industria máis produtiva”.