DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro da programación da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes

Pez en Raya puxo a proba os cerebros do público no Teatro Vidal Bolaño

A compañía teatral elixiu o campus de Vigo para estrear este xoves o seu espectáculo Lo cerebro

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
S. Alcázar DUVI 03/12/2009

A diferenza de peso entre os cerebros do home e da muller e o emprego da nosa capacidade cerebral reducida ao dez por cen son as ideas que a compañía Pez en Raya achegou no seu espectáculo Lo cerebro, presentado este xoves no Teatro Vidal Bolaño. Os espectadores, na súa maioría universitarios, contaron co privilexio de asistir á estrea desta función, que elixiu o campus vigués como lugar para darse a coñecer. A través do humor absurdo e surrealista, os compoñentes de Pez en Raya, da man de Culturactiva SCG, achegaron ao público diversas curiosidades sobre a composición e a forma de funcionar do noso cerebro, un dispositivo moi potente capaz de superar ao mellor dos procesadores de última xeración posto que é o responsable dos fenómenos mentais que recrean o noso mundo exterior e conforman ás nosas actitudes. Na obra amosouse unha visión diferente deste órgano, que debe discernir entre a realidade e a ficción mediante a interpretación da información que discorre por el, o que nos leva a cometer numerosas loucuras. Os integrantes da compañía involucraron ao público no seu espectáculo facéndoo partícipe de todo tipo de xogos verbais, habilidades mentais e enganos audiovisuais que puxeron a proba o seu cerebro co fin de descubrir o uso que cada espectador lle dá en situacións cotiás e elevar a porcentaxe de masa gris empregada mediante a estimulación do órgano pensante.

Traxectoria da compañía

Algo máis dunha década levan Cristina Medina y Joan Estrader, compoñentes de Pez en Raya, realizando as súas propias pezas cun estilo baseado na comicidade. Dende a súa posta en marcha no ano 1997, a compañía andaluza achegou o seu humor absurdo a multitude de países de todo o mundo cun total de sete espectáculos e máis de 900 representacións ás súas costas. Na actualidade, a compañía goza dun grande éxito, posto que vén de participar recentemente no Festival de Teatro de Shangai e de levar a cabo unha xira por Sudamérica. O seu esforzo e traballo vese recoñecido no eido teatral con diversos premios, como os outorgados na IX e XII edición do Festival Internacional de Humor por ser o mellor espectáculo. Nesta ocasión, Pez en Raya repite experiencia visitando por segunda vez o teatro Vidal Bolaño, no que se deron a coñecer anos atrás co espectáculo Sólala, que recibiu unha moi boa acollida por parte da comunidade Universitaria.

A programación cultural toca a o seu fin

Coa representación de Lo cerebro péchase o ciclo de espectáculos teatrais dentro da programación do primeiro cuadrimestre proposta pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, á que so lle quedan dous días de actuacións. O derradeiro espectáculo de rúa estará protagonizado polo pallaso Peter Punk, que amenizará o xantar dos estudantes o vindeiro nove de decembro, mentres que o grupo musical Fuxan os Ventos será o encargado de baixar o pano da programación cultural proposta para o primeiro cuadrimestre co concerto que ofrecerá no Centro Cultural Caixanova o vindeiro 19 de decembro.