DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O escritor e xornalista Antonio Olano afondou na relación de Pablo Picasso con Galicia

Picasso e o seu “namoramento” pola terra coruñesa

Biógrafo e amigo persoal do artista revela en Belas Artes algúns segredos do artista

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 07/04/2011

Viviu catro anos na A Coruña no último período da súa infancia e foron suficientes “para que se namorara da cidade e a levara sempre presente”. Así expuxo a importancia da terra galega na vida de Pablo Picasso o xornalista e escritor Antonio Olano, que leva escrito un total de sete libros sobre o artista, e que o coñece “na intimidade” pois “ademais de ser o seu biógrafo, fomos amigos persoais”, comentou. Convidado polo profesor Antón Castro á Facultade de Belas Artes, o escritor contou, desde a súa experiencia e de forma anecdótica, que “Picasso se fixo na Coruña”.

Olano comentou que, a pesar do pouco que lle gustaba a cidade herculina ao pai de Picasso “polas chuvias e os ventos”, o artista malagueño adaptouse á perfección, tanto que os anos transcorridos en terras galegas “foron ben aproveitados”. O escritor recoñeceu que foi en A Coruña onde expuxo a súa primeira obra, na rúa Real, “nacendo como pintor”. Tamén desenvolveu a súa faceta como escritor “cando se achegou ao Pazo de Meirás para falar en persoa coa propia Emilia Pardo Bazán xa que quería publicar na súa revista”. Así mesmo, foi en Galicia onde xurdiu a súa vocación como toureiro, “exercendo ata de instrutor” e tamén na Coruña se namorou, “sendo a rapaza representada en La niña de los pies descalzos, unha das súas primeiras mozas”.

“Cando trasladaron o pai de novo a Barcelona, Picasso non quería abandonar a cidade, polo que sempre sentiu unha gran nostalxia por ela”, engadiu Olano. Agora ben, tamén aclarou que A Coruña nunca recoñeceu ese cariño que Picasso sentía, pois “o pintor sempre quixo construír un museo coa doazón de obras orixinais por parte del mesmo, pero por covardía dos gobernantes nunca se levou a cabo”.

Galego falante e amigo de Juan Pardo

O xornalista e escritor enriqueceu a súa intervención con anécdotas que lle sucederon co pintor, do que destacou que “tanto de grandes eran as súas virtudes como os seus defectos”. Así achegou aos presentes que Picasso falaba galego “un pouco mellor que o francés, que non o toleraba , e non tan ben como o inglés ou o italiano”. Un día o propio Olano fíxolle unha visita ao pintor na súa casa “acompañado do cantante Juan Pardo e dunha bolsa de percebes”. Entre o músico e Picasso “xurdiu un amor a primeira vista e xuntos cantaron cancións en galego”. Tal foi a relación que naceu entre os dous que o pintor “realizou ata 30 bosquexos para dar representación gráfica á canción Anduriña”, convértendose na primeira carátula que tiña como ilustración un Picasso, “pero como os da discográfica eran tan listos, puxeron o debuxo de contraportada”, aclarou.

Resaltou o espírito novo do pintor, pois “cando un se sente novo, éo para sempre”. Comentou que Picasso decidira quedarse nos 29 anos, “na idade que a un lle convén”. Para finalizar, engadiu que Galicia sempre ten dado bos pintores e cantantes polo que “quizais destas aulas saian grandes Picassos e Picassas”, concluíu.