DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido a alumnado e titulados, desenvolverase entre o 2 de febreiro e o 3 de marzo

O pilates como ferramenta terapéutica centra un novo curso da Facultade de Fisioterapia

Impartido polo fisioterapeuta Sebastián Jesús Aboal

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Saúde
  • Académica
DUVI Pontevedra 22/01/2019

Facer aos e ás pacientes partícipes da súa recuperación é dun dos propósitos centrais das chamadas terapias activas” dentro das que, no eido da fisioterapia, o pilates pode xogar un importante papel. Máis aló de ser unha estendida práctica de actividade física, este método constitúe tamén un recurso terapéutico co que os e as profesionais da fisioterapia poden traballar aspectos como o aumento da flexibilidade e a forza muscular, a mellora do patrón respiratorio ante o esforzo e o movemento ou a coordinación, equilibrio e postura corporal. Co propósito de ampliar a formación no uso terapéutico deste método, tanto do alumnado como de titulados e tituladas, a Facultade de Fisioterapia promove por terceiro ano consecutivo o curso complementario Pilates en mat para fisioterapeutas, que se desenvolverá entre o 2 de febreiro e o 3 de marzo.

Coñecer os exercicios e saber como adaptalos

Dirixido polo profesor da facultade Gustavo Rodríguez e impartido polo fisioterapeuta e profesor asociado de Ciencias da Saúde da Universidade de Vigo Sebastián Jesús Aboal, o curso desenvolverase nas xornadas de sábado e domingo nas instalacións do Centro Imact Fitness en Pontevedra. De 60 horas e aberto a un máximo de 14 persoas, o curso combina uns contidos teóricos introdutorios sobre a orixe e principios do método, a prescrición de exercicios e os seus beneficios e contraindicacións, cunha formación de carácter fundamentalmente práctico, articulada nunha serie de módulos sobre as bases biomecánicas e anatómicas do método pilates, postura e movemento e que abordarán tamén unha serie de exercicios básicos, intermedios e avanzados de pilates en solo e con pequenos accesorios, xunto coas súas adaptacións para o uso clínico. “Obviamente hai que aprender os exercicios, saber para que sirven, saber como se fan correctamente e saber que hai que observar para que os pacientes os fagan correctamente, pero tamén como adaptalos a cada persoa”, sinala Rodríguez Fuentes respecto da que é unha das claves do uso terapéutico deste método, a adecuación dos exercicios as necesidades e limitacións de cada paciente. Nese senso, fronte ao uso desta disciplina para a realización de actividade física, a súa aplicación terapéutica require, lembra o director do curso, dunha “valoración previa” que permita logo “adecuar o método á persoa”, facilitando ou dificultando os exercicios, ou mesmo levando a cabo “adaptacións que modifican o exercicio orixinal”.

Implicar ao paciente no tratamento

A prevención e tratamento de lesións do sistema musculoesquelético, o tratamento de lumbalxias ou cervicalxias, a recuperación posparto ou a mellora do equilibrio estático e dinámico e, por consecuencia, a prevención de caídas, son algúns dos ámbitos nos que as e os profesionais poden atopar no pilates unha ferramenta terapéutica que, nese senso, contribúe tamén a un “cambio de filosofía” respecto da idea dun ou unha paciente que “ía ao fisioterapeuta e sentaba nunha cama”, contribuíndo que involucre na súa recuperación. “O pilates serve para moitas cousas, é positivo para desenvolver forza, equilibrio e unha boa postura, o que leva sobre todo a un alivio das dores e a mellora das capacidades, pero, ao igual que outros métodos, tamén serve para que o paciente tome conciencia e sexa un participante activo do seu proceso de curación e na prevención da enfermidades”, salienta Rodríguez Fuentes.