DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Rosa Elvira Caamaño presenta na Feria do Libro de Buenos Aires

A pintura e a escultura, de muller a muller

A publicación repasa a vida e obra de 33 artistas mulleres dende a antigüidade ata o século XVIII

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
DUVI 30/04/2013

Loitadoras e profesionais. Así define Rosa Elvira Caamaño ás mulleres pintoras dende os primeiros tempos ata o século XVIII, un tema de fondo calado artístico e social que converte a súa publicación nun dos reclamos da 39ª Feria Internacional del Libro de Buenos Aires (Arxentina). A obra, Educación y dedicación. Aportaciones de las grandes pintoras del arte: desde la antigüedad hasta 1800, editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, afonda na vida e obra das 31 pintoras e de dúas escultoras máis relevantes da historia da arte a través dun texto no que a autora resalta o feito de que todas estas mulleres acadaron a excelencia na súa profesión e o posterior recoñecemento e fama en base a un meticuloso traballo persoal e ao seu constante espírito de superación.

Aínda que recoñece que existen outros estudos sobre o tema, Caamaño salienta que “a gran maioría son panfletarios e non achegan absolutamente nada ao seu labor pictórico”. Mais recoñece que a carreira das 33 artistas que recolle no seu libro “non son máis ca punta do iceberg, hai outras moitas profesionais da pintura que non exerceron como tal de xeito casual senón que recibiron unha formación de primeiro nivel”. O estudo desta profesora da Facultade de Belas Artes pode considerarse único, xa que “non hai ningún outro proxecto de investigación que aborde este asunto dende a perspectiva da profesionalidade. Está escrito dende a óptica dunha muller e mais dunha pintora”.

A finalidade da súa obra é que a sociedade en xeral, e os amantes da arte en particular, saiban da existencia destas mulleres pintoras que figuran con honores nos museos máis importantes do mundo. Destaca, por exemplo, a presenza de Ildegarda de Bingen, a primeira pintora da que se ten constancia, Sofonisba Anguissola ou Rachel Rysch, aínda que a autora recoñece a súa predilección cara Arteminsia Gentileschi, Rosalba Carriera e Elisabeth Vigée-Lebrun. “Todas elas foron grandísimas pintoras. Xente loitadora, traballadora e moi competente. Os seus cadros tan só estaban ao alcance de reis e personalidades varias con moito poder adquisitivo”, subliña. A pesares de que estas artistas son moi coñecidas para os asiduos e asiduas aos museos, Caamaño é consciente de que pasan desapercibidas para o público menos especializado.

Unha longa traxectoria

Rosa Elvira Caamaño é doutora en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid e profesora titular de Técnicas Pictóricas na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Realizou a súa tese de doutoramento sobre o pintor Serafín de Avendaño e, na actualidade, é membro da Academia Archeolóxica de Roma. Expuxo o seu traballo nas salas madrileñas da Fundación Mapfre, no Museo da Villa, no Centro Cultural Conde Dique e na Casa das Alhajas entre outras. En Galicia, a Deputación de Pontevedra, a Casa da Parra en Santiago de Compostela ou a Autoridade Portuaria de Ferrol son algún dos espazos nos que as súas mostras estiveron a disposición do público.