DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentación do libro 'La investigación en las CC de la AFyD: Piragüismo'

O piragüismo busca o seu recoñecemento no campo da ciencia

O profesor Manuel Isorna salienta unha falta de compromiso no I+D+i deste deporte

Etiquetas
  • Pontevedra
Bea Feijoo DUVI 18/05/2011

“Temos medallas e aos mellores deportistas agora fai falla vertelo en escritos e, sobre todo, en números”. Con estas palabras Suso Morlán, adestrador de David Cal, destacou a importancia de “loitar” polo recoñecemento do piragüismo no eido da investigación, durante a presentación do libro La investigación en las CC de la AFyD: Piragüismo, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. No acto tamén estivo a decana do centro, Francisca Fariña, que aproveitou a ocasión para animar ao alumnado a procurar neste deporte novas liñas de investigación futuras.

“Temos o contexto, soamente fai falla a vosa motivación”, aclarou a decana, referíndose aos estudantes dos últimos cursos da titulación en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, pois “Pontevedra dispón dos máis recoñecidos adestradores e deportistas e non estaría mal tamén contar cos mellores investigadores nesta faceta”, engadiu. Pola súa banda, Manuel Isorna, profesor e principal coordinador da publicación, recoñeceu que un dos obxectivos do libro “é espertar nos futuros egresados o interese por este deporte, facilitando ferramentas e consellos de como orientar os primeiros pasos dunha futura investigación”, aínda que os adestradores “seguen a ser o lector principal da obra”.

Cuestión de diñeiro

O profesor Isorna fixo especial fincapé en que o gran hándicap do piragüismo con respecto a outros deportes máis maioritarios “é a falta de compromiso no investimento en I+D+i”. Comentou que, “mentres que no atletismo ou na natación si que é rendible sacar unha nova prenda de roupa que poida reducir nunha milésima de segundo as puntuacións, xa que se van a vender miles, no piragüismo somos poucos e con marcas con pouca competitividade”. Esta situación provoca “que haxa moi pouco orzamento para investigación, e a que se fai, está focalizada na Universidad de Murcia, na de Oviedo e aquí”. Neste contexto, a decana da facultade sinalou ao Campus do Mar como un punto onde buscar colaboración, abrindo o seu abano de disciplinas máis aló das científicas, “para que nun futuro non soamente teñamos adestradores e deportistas galegos, senón tamén propostas de embarcacións pioneiras feitas en Galicia”.

Artigos de profesionais con prestixio internacional

A publicación conta cun total de once artigos para os que se contou “con autores de recoñecido prestixio internacional”. O profesor Isorna destacou a colaboración de Alexander Nikarov, preparador do equipo nacional de Gran Bretaña ou a do español Carlos Prendes, actual adestrador da selección belga, “cunhas achegas de gran contido técnico”. O sistema de detección de talentos deportivos alemán tamén foi contemplado nesta publicación da man do experto Joaquín Delgado Caballero.

A parte final do libro estivo elaborada por profesores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Por un lado a participación do profesor Joaquín Dosil que afonda na motivación do piragüista e por outro lado, Alfonso Gutiérrez, Manuel Isorna, Iván Prieto e Fernando Alacid, dedicando un artigo ás “ferramentas que poden empregar os nosos futuros investigadores para afondar na perspectiva científica do piragüismo”. Esta publicación está enmarcada dentro do III Congreso Internacional de Piragüismo de Catoira, que celebrará a súa cuarta edición no outubro de 2012, onde analizarán os resultados das olimpíadas de Londres.