DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun congreso internacional que se celebrará en Catoira entre o 11 e o 13 de outubro co apoio da Univ

O piragüismo galego achega aos adestradores as técnicas innovadoras dos Xogos Olímpicos de Londres

O vicerreitor de Extensión Universitaria sinalou a necesidade de “unir esforzos” para promocionar es

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Bea Feijóo DUVI 06/06/2012

Co obxectivo de proporcionar aos profesionais do piragüismo e aos estudantes de Ciencias da Actividade Física e do Deporte unhas xornadas nas que pór ao día os seus coñecementos sobre esta especialidade, a Universidade de Vigo, a Real Federación Española de Piragüismo e o Club As Torres – Romería Vikinga de Catoira están a organizar o IV Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo en Augas Tranquilas que se celebrará neste concello pontevedrés entre o 11 e o 13 de outubro. Nesta cuarta edición perséguese facilitar aos asistentes unha actualización dos avances técnicos e tácticos que van xurdir nesta disciplina nos Xogos Olímpicos de Londres 2012 “analizando as 14 probas disputadas para achegar unha visión da súa evolución tanto dende o estritamente estratéxico como en materia de embarcacións, palas...”, explicou o profesor Manuel Isorna, principal responsable da organización.

No acto de presentación deste mércores Isorna estivo acompañado polo secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa; polo vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas; pola decana da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Francisca Fariña; polo presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea; pola concelleira de Deportes do Concello de Catoira, Natividad Busto e por Ana Isabel Vázquez, membro da comisión de Deportes da Deputación de Pontevedra. As institucións quixeron amosar o seu compromiso cunha disciplina deportiva na que Galicia é referente nacional e internacional “con 56 palistas autóctonos no alto nivel e con equipos liderando os ránkings das clasificacións da federación nacional”, comentou Lete Lasa que definiu ao piragüismo como un dos eixes estratéxicos do deporte galego, de aí que a Xunta de Galicia colabore na celebración deste congreso “para que a figura do adestrador consolide a súa formación”.

Esforzo na difusión deste deporte

Pola súa banda, Xosé Henrique Costas fixo fincapé na necesidade de unir esforzos para lograr unha maior promoción dun deporte “do que somos de primeira división, olímpicos e con medallas” coa finalidade de conseguir difusión e visualización que atraia “máis afección, máis canteira e novos clubs”. A decana da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte destacou o carácter internacional do encontro “para o que contamos con tradución simultánea castelán-inglés e inglés-castelán”, ademais do incremento do número de comunicacións e de expertos “que medra edición tras edición”. O profesor Isorna salientou ademais o perfil científico deste congreso internacional, base da formación deportiva “xa que todas as decisións deben estar avaladas por unha base científica para garantir o éxito e a eficiencia nos resultados”. Os investigadores interesados en mandar comunicacións disporán de seis áreas temáticas, rendemento, psicoloxía, saúde, ocio e tempo libre, iniciación didáctica e xestión de eventos, con data límite ata o 25 de setembro.

Figuras internacionais

Entre os nomes máis coñecidos, os organizadores destacaron ao encargado da selección de Gran Bretaña, Alexander Nikanorov; o adestrador de David Cal, Jesús Morlán, “que esperamos que nos conte os éxitos de Londres 2012”; os españois Carlos Prendes, técnico da selección belga e Jesús Cobos, da agrupación arxentina; os húngaros Miklos Simon, responsable da selección feminina de Gran Bretaña e Istvan Vaskuti, canoísta internacional ou Eloy Carrillo, enxeñeiro do Ministerio de Defensa que analizará e evolución do deseño de materiais. “Nesta edición préstase especial atención á proba de 200 metros, unha das novidades destes Xogos Olímpicos, que esixe moita máis potencia e velocidade que resistencia”, explicou Isorna.

Co período de inscrición xa aberto, a organización estableceu tres perfís de matrícula que roldan entre os 40 e os 80 euros dependendo de se o interesado é estudante, adestrador ou investigador. Para máis información pódese visitar a páxina web do congreso ou mandar un correo a info@congresocatoira.es.