DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores da facultade traballan cos deportistas elite e sub23 do Equipo Cortizo

O plan de adestramento do mellor equipo ciclista amateur de España perfílase en Ciencias da Educación e do Deporte

Realizan avaliacións de rendemento e un seguimento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 06/02/2024

Un total de 23 vitorias individuais, 28 podios e 21 triunfos por equipos, converteron 2023 na mellor tempada nos máis de 60 anos de traxectoria do club ciclista Equipo Cortizo, que pechou ademais no primeiro posto do ránking elite da Real Federación Española de Ciclismo, o que sitúao como o mellor equipo non profesional de España. Nesta histórica tempada, o club iniciaba tamén, a través dun contrato de I+D, unha colaboración co Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que se encargou de realizar unha serie de avaliacións do rendemento dos ciclistas e de prestar apoio na planificación dos seus adestramentos. Dirixida a identificar áreas de mellora e definir pautas específicas para cada ciclista, esta liña de traballo continúa neste 2024 cos preto de vinte ciclistas elite e sub23 do club padronés, que nestas semanas sométense na facultade ás primeiras avaliacións da tempada.

“O noso obxectivo era mellorar o rendemento dos ciclistas”, destaca o responsable deste laboratorio, Óscar García. Os resultados acadados polo Padronés Cortizo ao longo de 2023, no que nove ciclistas diferentes lograron cando menos unha vitoria de etapa, fan que para esta nova tempada “as expectativas sexan moito máis altas”,  recoñece o tamén decano de Ciencias da Educación e do Deporte. Nese senso, o traballo estará dirixido “a que cada ciclista poida render mellor que o ano anterior, xa que gañar ou non gañar depende de moitos factores”, subliña. Esta progresión, lembra, viuse tamén referendada polo paso a profesionais de varios dos deportistas, como a fichaxe de tres ciclistas do club polo Burgos BH. 

“Este ano o equipo é moito máis novo que o ano pasado”, engade o preparador físico do equipo e exalumno da facultade, José Abalo, que incide en que o Equipo Cortizo asume neste 2024 unha “aposta arriscada pola mocidade e a formación”. De aí que subliñe a importancia desta colaboración para traballar no desenvolvemento deste grupo, xa que permite facer “un traballo moito máis preciso” ao longo da tempada. “O ano pasado ningún tivo un sobreadestraemnto ou un baixón no seu rendemento, salvo lesión grave. Foron sempre cara arriba”, engade Abalo. Nese senso, a colaboración establecida ao abeiro dun contrato de I+D ao que se lle dá continuidade neste 2024 foi tamén un dos aspectos valorados pola Asociación Galega de Xestores Deportivos (Agaxede) para outorgarlle ao Padronés Cortizo o premio ao mellor proxecto de innovación e deportiva a finais de 2023. 

Da avaliación inicial ao seguimento de cada ciclista

Nestas semanas, preto dunha vintena de ciclistas das categorías elite e sub23 sométense na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a un conxunto de probas dirixidas a avaliar “diferentes parámetros do rendemento como o consumo máximo de oxíxeno, os limiares ventilatorios, a potencia do pedaleo nos fitos fisiolóxicos, a forza, a mobilidade articular, o control postural ou as asimetrías laterais e funcionais”, así como a unha proba cardiolóxica previa. “Algunhas modificámolas do que fomos aprendendo o ano pasado”, explica García, que explica por exemplo que o grupo mudou un dos protocolos de avaliación empregados para centralo “na musculatura isquiosural, porque démonos conta de que é un punto feble no pedaleo do 90% dos ciclistas”.

Realizadas coa participación de Alba Cuba, Tania Álvarez, Javier Carballo, Mario Iglesias, Ginés Martínez, Virginia Serrano e o cardiólogo Diego Fernández, estas avaliacións iniciais teñen como obxectivo tanto detectar posibles problemas como servir para a definición dun “programa de adestramento” para cada ciclista. “A partir de aí, facemos un seguimento máis individualizado”, salienta García, “e iranse facendo avaliacións máis puntuais para ver o estado de forma en cada momento da tempada”, á vez que se prestará apoio na planificación do adestramento dun equipo que ten como director deportivo ao tamén egresado da facultade e exciclista profesional Marcos Serrano. “Imos ter reunións periódicas e facer máis probas de laboratorio”, engade Abalo, que destaca que un dos obxectivos desta nova colaboración será tratar tamén de realizar valoracións “antes e despois dunha carreira”.