DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O plan de calidade e o mestrado de Oceanografía, prioridades na nova etapa de Jesús Souza ao fronte de Ciencias do Mar

Foi elixido decano con 27 votos a favor, un en contra e outro en branco

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Duvi DUVI 13/04/2010

Hai catro anos Jesús Souza Troncoso comezaba a seu primeiro mandato ao fronte da Facultade de Ciencias do Mar como “unha das etapas máis ilusionantes pero tamén máis complexas”. Agora o profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal repite neste posto tras ser elixido decano con 27 votos a favor, un en contra e outro en branco, un apoio polo que se amosou “moi agradecido” e que lle permitirá rematar o proceso de adaptación ao EEES emprendido no seu primeiro mandato. Un traballo que o decano definiu como “gratificante” por tratarse dunha facultade “na que abondan magníficos proxectos de investigación e unha docencia excelente”.
De cara a estes próximos catro anos a estratexia consiste en continuar co traballo desenvolvido ata agora “e pór en marcha o plan de calidade e acción titorial, ademais de traballar coa implantación do Plan Boloña no terceiro e cuarto curso”.
Pero o outro horizonte da implantación definitiva do EEES pasa polo mestrado en Oceanografía que se atopa en proceso de verificación e que comezaría a impartirse no vindeiro curso 2010-2011. Para Souza Troncoso, este é o “posgrao estrela” da titulación, que ampliará a formación do alumnado no ámbito da oceanografía “afondando nas materias que os estudantes cursaron durante o grao” no módulo básico que ofrece este mestrado, no que se tratan diferentes metodoloxías avanzadas. Ademais, segundo explica Souza, o mestrado conta tamén cun módulo disciplinar e outro interdisciplinar, “nos que o alumnado estudará o sistema oceánico global, traballando en sistemas de afloramento mariño e os cambios que experimentan os sistemas oceánicos mariños, entre outras materias”.

Creación de sinerxia entre grupos de investigación grazas ao Campus do Mar

Por outra banda o proxecto de Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar preséntase como unha oportunidade inmellorable para a Universidade de Vigo en xeral pero para a Facultade de Ciencias do Mar en particular ao exercer como polo de atracción de investigadores e docentes punteiros a nivel nacional e internacional. Jesús Souza gabou o traballo levado a cabo tanto pola reitoría como polo comisionado do Campus do Mar, Emilio Fernández, “para sumar apoios que permitan a creación dunha sinerxía con outros grupos de investigación de outras universidades e institucións”
Esta infraestrutura virá a unirse e potenciar o labor desenvolvido ata agora pola facultade xunto co centro do Instituto Español de Oceanografía, o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC e o Centro Tecnolóxico do Mar, CETMAR, para facer de Vigo a cidade por excelencia da investigación mariña.