DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con esta visita péchase a ronda de contactos cos voceiros dos tres grupos parlamentarios galegos

Plan Estratéxico e Campus do Mar centran o encontro do reitor co voceiro popular Manuel Ruiz Rivas

Este venres a Universidade recibiu tamén a visita dunha delegación da universidade polaca Bielsko -

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 04/03/2011
O Plan Estratéxico que está a desenvolver a Universidade de Vigo e o proxecto do Campus do Mar centraron este venres o encontro que mantivo o reitor, Salustiano Mato, co voceiro do Partido Popular no Parlamento de Galicia, Manuel Ruiz Rivas, unha visitia coa que culminou a ronda de visitas dos tres grupos parlamentarios galegos á institución viguesa.

Durante o encontro o parlamentario popular, que recalcou a importancia da busca da especialización e da colaboración co mundo empresarial , tivo a oportunidade de coñecer de primeira man os principais proxectos postos en marcha dende a Universidade de Vigo “con orientación de futuro”, tal como lle expuxo Salustiano Mato, unha oportunidade que Ruiz Rivas agradeceu, xa que, segundo subliñou “é un paso máis para acadar que “ese matrimonio que ten que haber entre a sociedade civil e a universidade sexa unha realidade”.

O proxecto do Campus do Mar, ao que o reitor se referiu como “a nosa imaxe de marca e a nosa estratexia de internacionalización” centrou boa parte do encontro, xa que nel tamén se amosou moi interesado o voceiro popular, que acudiu á reunión acompañado polo voceiro parlamentario de Educación do PPdeG, Román Rodríguez. “Trátase dun proxecto centrado nunha temática fundamental para Galicia”, subliñou Ruiz Rivas, que non dubidou en subliñar o seu especial apego a este proxecto dado que “non hai que esquecer que eu tamén son un home de mar, como non ía ser así sendo de Ribeira”.

Tamén en relación ao Campus do Mar, o reitor salientou que se segue a folla de ruta prevista “estamos chegando a preacordos que formalizaremos e oficiaremos en breve na constitución do Consello Reitor”, engadiu.

Estreitando lazos con Polonia

Ademais do voceiro parlamentario do PP, este venres o reitor recibiu tamén a visita do seu homólogo na Universidade de Bielsko – Biala en Polonia, o profesor Ryszard Barcik, que veu acompañado pola directora da Oficina de Relacións Internacionais de dita Universidade, con quen a Universidade de Vigo ten “unha frutífera relación dende fai máis de 10 anos sobre todo en temas relacionados con informática e filoloxía” especificou o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, que acudiu tamén ao encontró xunto ao director da ORI, Anselmo Seoane.

Con esta visita a Universidade estende a relación a novas áreas de coñecemento como economía e empresa, así como enxeñaría industrial “áreas cunha crecente demanda de intercambio por parte dos nosos estudantes e onde o noso parceiro ten unha contrastada experiencia”, engadiu o vicerreitor.