DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 200 axentes do sector asisten á presentación do seu borrador no campus

O Plan Hidrolóxico da conca Miño-Sil, un instrumento fundamental na xestión da auga en Galicia

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 13/12/2010
A xestión responsable da auga amósase como unha das chaves fundamentais para o desenvolvemento económico dun territorio e para a súa sostibilidade medioambiental no futuro. Para avanzar nesta xestión en Galicia, hoxe presentouse no campus de Ourense o borrador do Plan Hidrolóxico da conca Miño-Sil 2011-2015 ante máis de 200 axentes do sector. O presidente da Confederación Hidrográfica desta conca, Francisco Fernández, explicou as dificultades para harmonizar medio ambiente e economía e resumiu a filosofía da administración á hora de deseñar este novo plan, que afecta a unha zona de case 18.000 quilómetros cadrados. “Todo o mundo ten o seu lugar e o noso está equidistante das esixencias sociais e do desenvolvemento económico”, salientou.

A xornada que acolleu a presentación do borrador, titulada Xestión responsable da auga para un futuro sostible, é a culminación do proceso de elaboración e difusión do Plan antes de que o día 15 de decembro sexa posto a exposición pública durante seis meses para que os afectados poidan presentar alegacións.
Durante a inauguración da xornada, o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, destacou o esforzo inversor da Confederación en Ourense, que situou en arredor de 100 millóns de euros en infraestruturas. Pero sobre todo salientou que “compartimos a filosofía de que a xestión do medio ambiente é unha prioridade e o uso racional da auga un obxectivo”. Na mesma liña, a vicerreitora de Investigación e Transferencia do campus de Ourense, Mª Victoria Jato, fixo fincapé na trascendencia do debate arredor da xestión da auga e apuntou o importante papel que xoga a universidade nestas cuestións “estreitando os vínculos coa sociedade e a colaboración coas entidades”.

O documento presentado hoxe nace cos obxectivos de protexer e mellorar a calidade dos recursos hídricos das concas Miño-Sil e de promover un uso racional e responsable da auga. Tamén quere lograr unha xestión sostible de acordo á oferta e á demanda e incentivar a participación activa das autoridades competentes na materia e da sociedade en xeral no coidado das masas de auga.

Tres comunidades autónomas e dous estados implicados

Sobre a trascendencia do plan dá conta o feito de que será o responsable de marcar a xestión hidrolóxica dunha superficie de 17.717 quilómetros cadrados, ocupando una parte importante de Galicia (46,8%) e extensións máis reducidas de Castela e León (4,4%) e Asturias (0,2%). Ademais, e tal e como salientou José Álvarez, xefe da Oficina de Planificación Hidrolóxica da Confederación Miño-Sil, “estamos ante unha demarcación internacional, que afecta á parte portuguesa do Río Limia, polo que neste plan tivemos que facer un traballo conxunto de harmonización e coherencia”.

No deseño do documento tivéronse especialmente en conta as directrices europeas ás que se somete e os seus retos ambientais. Miguel Castroviejo, conselleiro coordinador de Medio Ambiente da Representación Permanente de España ante a UE, foi o encargado de explicar este contexto, que no caso da conca Miño-Sil afecta especialmente polo seu carácter transfronteirizo. “O reto da Unión Europea para conseguir un crecemento axeitado é usar as reservas de capital natural de modo sostible, nestes caso a auga, para que no futuro poidan seguir producindo, e facelo dun modo seguro, para garantir a nosa calidade de vida”, advertiu.

Tal e como salientaron Victoria Jato e Pedro Araújo, decano da Facultade de Ciencias onde se celebra o encontro, esta xornada enmárcase dentro dun convenio de colaboración asinado o pasado mes de setembro entre a Universidade de Vigo e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.