DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O documento foilles presentado pola Xerencia nunha xuntanza

O Plan Operativo de Xestión acada o apoio da xunta de persoal e do comité de empresa

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 12/11/2008

“Para min como xerente foi un momento crucial por que se poñía enriba da mesa o texto do plan para desenvolver os próximos catro anos e a resposta foi moi satisfactoria”. Así avalía a xerente da Universidade de Vigo, Ana Fernandez Pulpeiro, a xuntanza mantida coa xunta de persoal funcionario PAS e cos comités de empresa de PAS da Universidade na que se lles presentou aos axentes sociais o Plan Operativo de Xestión 2008-2012.
O plan, que é unha resposta explícita e operativa aos retos que formula o Plan Estratéxico á xestión da Universidade, “supón”, segundo o presidente da Xunta de Persoal Funcionario de Administración e Servizos, Xoán Cebro “que por fin entramos nas cuestións de xestión na Universidade de Vigo. Nos o apoiamos e faremos as nosas achegas para que vaia adiante”. Pola súa banda para Marcos Estevez Orge do Comité de Empresa de Pontevedra “a presentación foi un formalismo cara os órganos de representación do PAS”.
Conseguir unha xestión baseada nun modelo de excelencia, dispoñer dunha adecuada estrutura de xestión achegándose aos usuarios, optimizar e mellorar os procesos internos de xestión académica e extensión ou establecer unha política integral de persoal, son algúns dos obxectivos do Plan Operativo de Xestión, “un proxecto que pode situar á Universidade de Vigo no ámbito que precisamos”, afirma a xerente.

Un primeiro paso

Tanto a Xerencia como os representantes sindicais coinciden en sinalar que tras esta primeira toma de contacto “agora queda o máis importante que é facelo realidade e non se converta en papel mollado”, asegura Xoán Cebro.
Pola súa banda Ana Fernández Pulpeiro afirma que “cando se presenta un documento desta envergadura non é tanto o documento en si, como o proceso desenvolvido para conseguilo que é complicado e difícil , aínda que é máis complicado o que nos queda por facer que é a consecución de todos os obxectivos do Plan Operativo de Xestión”.
O documento que desde a Xerencia formulouse como un contrato que se traslada tanto á comunidade universitaria, como ao resto da sociedade, marca como accións máis inmediatas ás referidas aos ámbitos das tecnoloxías da información e comunicacións, a modernización e calidade, a descentralización, a xestión académica, a xestión da investigación e as persoas.

Ampla participación

A xerente e o presidente da Xunta de Persoal Funcionario de Administración e Servizos, agradeceron o traballo desenvolvido polas persoas que participaron na elaboración do plan, “cómpre que participe todo o persoal”, sinalou Cebro, que lembra que o 95% do Plan atinxe aos funcionarios. Mentres, Ana Fernández Pulpeiro destacou “a responsabilidade de todos nun proxecto deste calado, por que isto non é unha cousa duns cantos se non que é un proxecto que implica a moita xente”.
Para acadar un consenso sobre os obxectivos e actuacións do Plan, a Xerencia creou cinco grupos de traballo abertos á participación dos profesionais da xestión, pero tamén á toda a comunidade universitaria.