DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nuria Diéguez deseñou na súa tese unha proposta acorde coas necesidades especiais deste colectivo

Un plan pioneiro en Europa para a integración dos universitarios con Síndrome de Asperger

Os seus resultados xa foron cotexados con éxito nun caso real no campus de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 09/09/2014

O Síndrome de Asperger é un trastorno neuro-biolóxico severo do desenvolvemento. As persoas que o padecen teñen anormalidades ou desviacións en aspectos como as conexións e habilidades sociais e o uso da linguaxe comunicativa, presentando comportamentos repetitivos ou perseverantes e unha limitada gama de intereses, entre outras cuestións. Os estudantes con esta diagnose caracterízanse por ter un desaxuste específico na integración da información, desde a recepción dos estímulos sensitivos ata a recuperación do aprendido. Por todo isto, á hora de abordar a súa inclusión educativa, os expertos e a normativa vixente indican que é imprescindible o deseño de medidas de apoio para favorecer a súa participación. Para contribuír a este obxectivo na educación superior, na súa tese de doutoramento Nuria Diéguez articulou un plan para adaptar a organización e a metodoloxía universitarias a este alumnado en base a experiencias de diferentes países. Esta folla de ruta, destacan os seus responsables, é única e pioneira en Europa pola súa exhaustividade.

Unha resposta adaptada e inclusiva

A tese, titulada Síndrome de Asperger: dimensións organizativas e metodolóxicas na universidade, estivo dirixida polo docente da Universidade de Vigo Manuel Ojea, que conta cunha dilatada traxectoria no eido dos trastornos do espectro autista, e é froito de cinco anos de traballo investigador. A necesidade de levar a cabo este estudo xurdiu, explica a doutora, “ante a necesidade concreta que se deu no campus de Ourense de ofrecer unha resposta educativa e social a un estudante con este trastorno que iniciaba os seus estudos na Facultade de Historia”. Para el configurouse un equipo de apoio co fin de avaliar as súas necesidades educativas e deseñouse e implementouse un programa adaptado ás súas características e necesidades. “Este proceso xerou a inquedanza de coñecer como era a resposta educativa ao alumnado con características similares noutras universidades”, salienta a psicopedagoga ourensá.

Deste xeito, a súa investigación estivo centrada no desenvolvemento deste caso concreto no campus de Ourense, antes, durante e despois da aplicación do programa durante cinco anos e na realización dun cuestionario a outras universidades con realidades similares, coa finalidade de contrastar os resultados. Nestas enquisas participaron universidades españolas, europeas e latinoamericanas. “Os resultados obtidos permitiron identificar as variables que mellor anticipan unha resposta adaptada, tanto organizativa como metodoloxicamente, a un proceso inclusivo de calidade e con garantía de atención á diversidade. Tamén nos permitiron establecer unhas pautas xerais para o deseño dun plan de actuación que facilite a escolarización deste alumnado”, subliña Diéguez García. A aplicación de dito plan á práctica universitaria foi medida mediante o estudo comparativo pre e postest realizada ao caso de estudo.

Sete liñas de actuación e moitas medidas concretas

“Loxicamente, neste traballo non é posible establecer un plan específico para cada estudante, pero, tendo en conta os nosos resultados establecemos unha serie de mecanismos de adecuación académica ao alumnado universitario con Síndrome de Asperger”, comenta a investigadora, diplomada en Educación Primaria. En total, na tese articúlanse sete liñas de actuación con medidas concretas en cada unha delas. Estas liñas son a organización e estrutura do centro; a estruturación previa e información dos obxectivos e contidos da materia; a flexibilización dos procesos de avaliación académicos; a facilitación da mediación cognitiva para o desenvolvemento académico e social; a facilitación da comunicación e a interacción social; a organización de estruturas espazo-temporal e a previsibilidade das accións e actividades previstas e o deseño dos procesos formativos e informativos sobre o estado da cuestión e a valoración do proceso aprendido.

As medidas concretas contempladas nestes apartados son de moi diferente natureza. Entre elas están facilitar o coñecemento do centro e os seus espazos mediante sesións de benvida; establecer con claridade os obxectivos e competencias de cada materia; especificar de maneira precisa as actividades e, en caso de cambios, informar coa suficiente antelación e establecer, se procede, medidas alternativas de comunicación para a realización de probas e de procesos personalizados de avaliación final. O documento tamén propón actuacións como crear un equipo de apoio con competencias específicas; facilitar a participación dos estudantes cos seus iguais durante os tempos de lecer; desenvolver a súa capacidade de autonomía persoal para realizar preguntas e fomentar a participación da familia, entre outras moitas cuestións. Todo iso se traduce, comenta a investigadora, nun sistema de apoio ao estudante baseado no fortalecemento das relacións entre a información actual e as informacións previamente codificadas, a asimilación da información en termos de significados, a súa aplicación á práctica relacionada, ben no ámbito académico ou social, e a flexibilización dos procesos de avaliación. "Estas cuestións en nada desvalorizan a adquisición das competencias inicialmente previstas pola titulación”, puntualiza a doutora.

O alumnado con calquera tipo de necesidade educativa especial, que amose a posibilidade competencial de adquirir os obxectivos xerais de estudos de grao, aínda que sexa coas medidas de apoio, reivindica Diéguez García, debe ter o dereito a que se lle brinden os medios adaptados necesarios de acceso aos seus estudos, tanto na área das tecnoloxías como no ámbito das concrecións dos procesos cognitivos. “Sen lugar a dúbidas, a inclusión social, e por suposto a educativa, é un proceso eticamente esixible na sociedade actual, xa que negar ou impedir o acceso á educación en termos de equidade para todos os estudantes, teñan ou non necesidades específicas de apoio educativo, é algo reprobable, non só desde un exercicio moral senón tamén desde o ámbito da lexislación actual vixente”, advirte a doutora. Neste senso, indica por último, a Universidade de Vigo, ten establecido as canles legais facilitadoras dunha educación adaptada aos estudantes con necesidades educativas especiais, que se traduciu recentemente na elaboración dun plan específico para a integración do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo escolarizado nesta institución.