DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Toxa acolle o 25 e 26 de abril a cuarta edición deste espazo de debate

Plasmar as propostas de futuro dos principais sectores financeiros, novo obxectivo do Foro Económico de Galicia

Uns 40 economistas, empresarios e xornalistas abordarán os problemas aos que debe enfrontarse a comu

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 22/04/2013

A análise da situación actual con propostas de cambio e mellora. Ese é o obxectivo que persegue o Foro Económico de Galicia, que os días 25 e 26 de abril celebra en A Toxa a súa cuarta edición e que ten como novidade a creación dunha colección de documentos que pretenden “enriquecer o debate público en materia económica” na comunidade galega. Trátanse de reflexións de presente e futuro que nacen dunha profunda análise feita por expertos “e que achega o valor extra de facer propostas a varios anos vista para abordar a situación de distintos sectores”, como asegura Santiago Lago, coordinador do acto organizado polo grupo Rede (Research Group in Energy, Innovation and Environment) da Universidade de Vigo. A iniciativa arrancará abordando a realidade do naval, a alimentación, a loxística ou a relación entre universidade e empresa, aínda que ao longo do ano a organización pretende ir publicando ata unha ducia de documentos con diferentes eidos como protagonistas.

Serán unha colección de documentos sobre asuntos estruturais da economía de Galicia nos que dar saída “á nosa teima de levar a cabo unha reflexión de fondo sobre o que temos que ir facendo para resolver cuestións relevantes”. Unha iniciativa plural “de diferentes mundos e ideoloxías, de puntos xeográficos dispares” para construír o futuro desde todos os puntos de vista, xa que “non pode ser un luxo local, senón que debe ser algo colectivo”. Nesta ocasión, uns 40 profesores e investigadores das tres universidades galegas, empresarios e directivos de distintas áreas e xornalistas de referencia reuniranse durante dous días para facer unha diagnose da situación, compartir ideas estratéxicas e levalas ao debate colectivo a través dos medios de comunicación. “Non queremos iniciar ningunha investigación. O que poñemos en marcha é unha iniciativa de transferencia entre tres campos que ás veces teñen o seu escenario de traballo habitual algo afastado”, explica Lago.

Catro edicións, catro eixos

O espazo de debate centrarase na cuarta edición nas dificultades loxísticas que atenazan ás empresas galegas, a relación Universidade-empresa e o papel que desenvolven os Consellos Sociais, o futuro do sector naval galego e as oportunidades de negocio no eido da alimentación, ademais da ‘Tormenta de ideas’ coa que se pechará a segunda xornada de traballo. “Este é un foro moi particular, porque é moi difícil atopar a empresarios de éxito que teñan interese máis aló da súa cota de explotación nun país no que as entidades non están moi imbuídas do espírito do mecenado”, salientou Lago. Nesta ocasión, entre os participantes, responsables de empresas como Coren, Rodman, Ence ou Bricoking; e personalidades como Teresa Pedrosa, delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, ou Fernando González Laxe, político, ex presidente de Puertos del Estado e actual director do Instituto Universitario de Estudos Marítimos de A Coruña.

O Foro Económico de Galicia botou a andar en 2010 coa intención de converterse nunha plataforma de transferencia de coñecemento en materia económica desde as empresas e universidades galegas á sociedade e aos espazos de decisión pública, un espazo “para abordar os problemas socioeconómicos da contorna e achegar perspectivas estruturais a longo prazo”. “Foi unha iniciativa complexa, pero na que temos postas moitas expectativas. Estamos arrancando. Os primeiros anos foron a montaxe da rede, pero con cada edición que pasa vemos como o chimpo que damos é maior”, salienta o coordinador do que naceu para ser unha ferramenta da sociedade civil coa que contribuír a coñecer mellor os retos, desafíos, oportunidades e ameazas sobre a estrutura produtiva galegas, as súas empresas e o sector público.