DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus dá a benvida aos novos estudantes estranxeiros

The pleasures of living and studying in Ourense

O número de alumnado foráneo incrementouse respecto ao ano pasado

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 10/02/2011
18 novos estudantes incorpóranse este cuadrimestre ás aulas do campus de Ourense. Un grupo moi pequeno se o comparamos co conxunto do alumnado pero un grupo que ten algo que o fai moi especial. Son os estudantes estranxeiros que escolleron as facultades ourensás para completar os seus estudos e que durante os vindeiros catro meses traballarán nas súas aulas pero tamén gozarán da vida universitaria e ourensá en xeral. Cando remate o curso 2010/2011 terán estudado no campus de Ourense arredor de 60 alumnos e alumnas estranxeiros, incrementando deste xeito o número do curso pasado, cando o fixeron medio cento deles.

A Vicerreitoría celebrou este xoves o acto de benvida para este alumnado de intercambio que se incorpora ás aulas ao abeiro de programa como Erasmus ou Erasmus Mundus e grazas a convenios bilaterais da Universidade de Vigo con outros países. Durante o acto de benvida, María Lameiras, vicerreitora do campus, desexoulles “unha frutífera estancia no campus na que gocen pero na que tamén estuden moito”. Un desexo compartido por Manuel Fernández Iglesias, vicerreitor de Relacións Internacionais da Universidade, que foi o encargado de presentarlles esta institución como unha “Universidade nova pero que aspira a seguir crecendo e chegar a ser un referente”.

Para que estes estudantes aproveiten ao máximo a súa estadía en Ourense, técnicos das áreas de Cultura, Deportes, Centro de Linguas, Normalización Lingüística e Biblioteca presentáronlle os servizos que teñen á súa disposición. Como lles recalcou Eva Garea, técnica da Oficina de Relacións Internacionais, a súa estadía dálles a oportunidade non só de participar en actividades académicas "senón aproveitar todas as posibilidades que ofrece a Universidade".

Os estudantes de intercambio escoitaron moi atentos todas as explicacións, intentando entender o contido pero tamén non perderse co idioma en moitos casos. Proceden de Arxentina, Paraguai, Brasil, Portugal, Turquía, Bélxica, Romanía, República Checa, Italia e Alemaña e xuntos compoñen un mosaico moi diversos de idiomas, culturas, historias, expectativas e impresións.

Moito traballo e pouco tempo

Alina Rac e Georgiana Baies son dúas amigas e estudantes de Ciencias da Educación romanesas que decidiron facer xuntas a súa estadía de Erasmus en Ourense “porque sabíamos español”. Alina estudou durante catro anos este idioma e Georgiana aprendeuno “nas telenovelas, que no meu país emítense en castelán con subtítulos no noso idioma”. Destes catro meses que teñen por diante esperan “falar moito español”, facer alto de turismo e aproveitar ben as clases. O que máis lles preocupa é saber como levarán a distancia do seu noivo e marido respectivamente.

A distancia da familia tamén é unha das preocupacións de Lenka Samkova, estudante de intercambio procedente da República Checa na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. “A familia terá que afacerse aínda que non o levan ben” explica. Destes primeiros días na cidade salienta a súa sorpresa polo “vella que é a cidade, con moitas igrexas, monumentos”, algo moi diferente á imaxe que tiña na cabeza de España despois de ter visitado Cataluña.

Os que coñecen moi ben as posibilidades que ofrece unha estadía de intercambio en Ourense son os 12 estudantes estranxeiros que xa estiveron no primeiro cuadrimestre e que continúan neste. É o caso de Joao Diz, estudante portugués de Turismo que está moi satisfeito da elección porque lle encanta “a xente, a comida, a diversión e a cidade para sacar fotografías”. Despois de catro meses explica que entre a comunidade de estranxeiros apóianse moito e fan grupo, “principalmente cos máis parecidos a nós culturalmente, como os franceses, italianos ou alemáns”. En contra dos tópicos salienta que “o nivel de esixencia para os estudantes de fóra é coma para os de aquí, co cal temos que estudar e traballar moito” e iso non lles deixa todo o tempo libre que lles gustaría para gozar máis da súa estadía.