DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os gañadores das competicións internas de fútbol 7, fútbol sala e baloncesto medíronse en Pontevedra

Pleno do campus de Vigo nas finais da Copa Fair Play

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 30/04/2014

Tres categorías e tres vitorias. Así de contundente foi o dominio do campus de Vigo na fase final da Copa Fair Play, que este martes reuniu en Pontevedra aos equipos gañadores das competicións internas de copa de fútbol 7, fútbol sala e baloncesto masculino. Erutah Jazz, en baloncesto, Amigos do LK en fútbol 7 e Florida FS en fútbol sala alzáronse co trofeo de campións nas súas respectivas modalidades despois de dobregar aos mellores conxuntos da competición dos campus de Pontevedra e Ourense no triangular organizado polo Servizo de Deportes da Universidade, que se disputou de xeito simultáneo ao longo da mañá do martes.

No campo de herba sintética da Xunqueira tivo lugar a competición de fútbol 7, que se abriu co enfrontamento entre os equipos dos campus de Vigo e Pontevedra, o Amigos do LK e o Nothingam Prisa, partido que gañaron os primeiros por 3-1. Posteriormente, o Amigos do LK referendou o seu triunfo impoñéndose por 2-0 ao Manuchos Boys, de Ourense, que previamente derrotara ao equipo de Pontevedra por 3-2.

Preto de alí, no pavillón multiusos da Xunqueira desenvolveuse a competición de fútbol sala, que arrincou coa axustada vitoria do Florida FS por 5-4 fronte ao Pabellón Team de Pontevedra. O equipo de Vigo derrotou logo por 5-2 ao Ourense, que previamente empatara o seu partido co Pabellón Team, equipo que finalmente ocupou a segunda posición nesta competición na que o principal criterio de desempate era o xogo limpo.

Xa no pavillón universitario tiveron lugar os encontros de baloncesto, nos que Erutah Jazz completou o dominio absoluto do campus vigués derrotando ao Drink Team de Pontevedra por 48-37 e ao Viejas Leyendas de Ourense por 59-54. Neste caso, foi o equipo do campus ourensán o que ocupou o segundo lugar, despois de que o Viejas Leyendas superase ao Drink Team por 56-36.